Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá preséntase en Tui o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

9/03/2022

Roberto Mera recupera para a historia a figura do deputado republicano que liderou a evacuación desde Francia de 17.000 exiliados durante a guerra civil

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presenta mañá xoves, día 10 de marzo, en Tui o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, publicado por Belagua Ediciones. O acto terá lugar ás 20.00 h no Edificio Francisco Sánchez (antiga Área Panorámica) e nel invervirán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e Manuel Vázquez de la Cruz, membro da asociación Levada Libre.

Coa publicación do seu libro, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaseis últimos anos da vida de Alejandro Viana, “un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952”.

O libro é, en palabras do seu autor, “un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio”.

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está realizando numerosas presentacións por toda Galicia. Tras o acto de Tui, o libro será presentado este mes de marzo en Ribadavia (día 12), Gondomar (día 18) e A Coruña (día 25).