Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá mércores derradeira conferencia sobre Francisco Sánchez a cargo de Laureano Alonso

26/09/2023

Será ás 20 h no edificio Francisco Sánchez

Mañá mércores, 27 de setembro, ás 20 h terá lugar a derradeira das conferencias sobre Francisco Sánchez, organizadas polo Concello de Tui dentro do programa ‘Setembro Xudeu en Tui’ para conmemorar o IV centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse.

Esta charla  titulada “Francisco Sánchez, un tudense universal” estará a cargo de Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín e grego no IES San Paio de Tui e que ten traballado na tradución completa ao galego da principal obra do médico e filósofo tudense, “Quod nihil scitur”, unha obra referencial no pensamento europeo do Renacemento.

Nesta conferencia o profesor Alonso Álvarez realizará un achegamento tanto a esta publicación, editada por vez primeira en Lyon no ano 1581, como ao pensamento sancheciano e, especialmente, á transcendencia da obra de Francisco Sánchez e a súa achega ao pensamento universal.

Con esta charla finaliza este ciclo de conferencias organizado polo Concello de Tui para  divulgar a vida e obra deste singular pensador tudense.

Dende a pasada semana a veciñanza e visitantes poden achegarse á Francisco Sánchez a través dunha sinxela exposición instalada no Paseo da Corredoira tudense, onde a través de oito paneis se realiza un breve percorrido pola traxectoria vital e as obras coñecidas de Francisco Sánchez.

Nos meses de outubro e novembro haberá novas actividades para conmemorar o cuarto centenario do falecemento de Francisco Sánchez.