Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inauguraciòn da exposición "Historia dunha emigración difusa: 500 anos de emigración galega a Lisboa"

24/05/2010

MAÑA MARTES INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "HISTORIA DUNHA EMIGRACIÓN DIFUSA: 500 ANOS DE EMIGRACIÓN GALEGA A LISBOA"

 

Unha produción de Acuarela Comunicación SLL coa colaboración do Centro Galego de Lisboa, a Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e cos auspicios do Concello de Tui.

 

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle mañá martes 25 de maio ás 20,00 horas a inauguración da exposición "Historia dunha emigración difusa, 500 anos de emigración galega a Lisboa" Esta obra forma parte dunha serie de producións que Xan Leira presentará nos próximos meses, por mor do Centenario da Xuventude da Galiza - Centro Galego de Lisboa.

A exposición ofrece unha visión analítica e reflexiva do fenómeno da emigración galega a Lisboa, facendo un percorrido polos máis de 500 anos da súa Historia, a través do testemuño de investigadores deste tema e dos propios emigrantes que, nalgúns casos, as súas familias emigraron no século XVI. Para

isto, levouse a cabo unha ardua laboura de investigación histórica e contouse coa participación de mais dun centenar de emigrantes, que son a última xeración dunha tradición migratoria que se remonta á Idade Media.

Varios dos participantes na exposición coincidiron en destacar un aspecto: A Lisboa de hoxe en día non se pode entender como tal sen ter en conta a aportación secular dos emigrantes galegos. A presenza galega aínda pervive con forza e percíbese en cada esquina da cidade alfacinha, as mesmas que ocupaban ata hai 50 anos os mozos de recados galegos á espera de algún encargo; en cada fonte e chafariz, onde aínda rezuman os ecos das voces dos aguadeiros galegos; en cada un dos moitos restaurantes e pensións da capital, aínda en mans de galegos, herdados en moitos casos dos seus pais, que a súa vez herdaran dos seus; en moitos dos pratos que se comen a diario como propios da gastronomía olisiponense...

Pero o certo é que todo isto non é coñecido pola gran maioría dos lisboetas; nin pola práctica totalidade dos galegos. Tense estudado a emigración galega cara a Castela, América e mesmo cara a Europa e o resto de España, mais non se lle ten prestado atención á emigración que se dirixiu cara o pais irmán, con algunhas excepcións, coma a do Profesor Domingo Lopo, da Universidade de Santiago de Compostela, que colabora nesta exposición.

Para o concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a presenza desta exposición na nosa cidade é unha mostra mais da vocación que posue este Concello de Tui por achegar aquelas accións que posibiliten um maior achegamento á cultura de Portugal, evidenciando o compromiso que posue a institución municipal tudense em afondar no mutuo coñecemento entre ambas beiras do Miño que atopan na cidade de Tui a súa natural "ponte" de comunicación e encontro.

Moisés Rodriguez agradece a Xan Leira e Acuarela Comunicación o seu grande interese por presentar na Sala Municipal de Exposicións tudense esta exposición sobre um aspecto da historia que comparten as xentes de Galicia e Portugal.

Na súa traxectoria, sinala Xan Leira, "Acuarela Comunicación sempre ten apostado pola recuperación da memória istórica. Por iso, cando comezamos a traballar neste proxecto a ilusión foise apoderando máis e máis a medida que nos íamos adentrando no tema e sentiamos con forza que estabamos diante dun achádego histórico construído polo esforzo discreto e silenciado de millleiros de homes, nenos e mulleres emigrantes que dende hai aproximadamente 500 anos, veñen construíndo o patrimonio material e inmaterial da cidade de Lisboa. A divulgación desta historia, reflectida na nosa obra multimedia e multidisciplinar, ven poñer xustiza e recoñecemento a unha das historias migratorias máis antigas e importantes das que se deron na Historia de Galiza. ¡Tan importante como descoñecida!".