Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de mil persoas asistirán á representación do Conto de Nadal esta fin de semana no Teatro Municipal de Tui

19/12/2019

Esgotadas todas as entradas dispoñibles na venda online. Restan 50 para cada función que se poderán mercar o mesmo día no despacho de billetes

Cheo total é o que se agarda esta fin de semana no espectáculo “Conto de Nadal” no Teatro Municipal. Este evento ten creado gran expectación o que ten feito que as entradas se teñan esgotado nuns días na venda on-line e se reservan 50 entradas para a función do sábado e 50 para o domingo que se porán á venda no despacho de billetes, hora e media antes do comezo.

O coro Mistura Vocal e a Escola de Danza Paula Cobián presentan un espectáculo innovador, ambicioso e singular cunha versión do conto de Charles Dickens con música coral de danza contemporánea. Alfredo Rodríguez dará vida ao protagonista da historia Scrooge, e actuará tamén o coro ImaGine VoiZes de Aldeas Infantiles. Unha coidada escenografía deseñada por Eva García e Juantxo García ambientará a posta en escena.

A estrea do “Conto de Nadal” será o sábado ás 21h na primeira das funcións previstas. O domingo volverá levarse a escena ás 19 h.

O espectáculo está dividido en cinco actos. As pezas que interpretará o Coro Mistura Vocal van dende o Renacemento, ao pop, pasando por composicións contemporáneas harmonicamente complexas.  As 17 bailarinas da Escola de Danza Paula Cobián representarán, con danza contemporánea, as distintas escenas. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos.

Este evento forma parte da programación “Tui, o Camiño do Nadal, o camiño natural”.

Datos técnicos

  • Organiza: Concello de Tui
  • Produción: Mistura Vocal e Paula Cobián Escola de Danza
  • Con ALFREDO RODRÍGUEZ no papel de Scrooge
  • Colaboración especial do coro ImaGine VoiZes de Aldeas Infantiles
  • Dirección artística: Paula Cobián
  • Dirección musical : Aloia Martínez
  • Iluminación e efectos visuais: Diego Leirós
  • Asesoramento musical: Manuel Cunqueiro
  • Escenografía e atrezzo: Eva García e Juantxo García
  • Rexedora: Inés Cobián
  • Texto: Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle
  • “Matte painting” e maquetación: Marta Fontán
  • Vídeo: Gus Abreu
  • Fotografía: Raquel Diz e Ricardo Villa