Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 8.600 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo no mes de xullo

6/08/2021

Durante o mes de xullo na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendéronse a 8.684 persoas que demandaron información turística sobre a localidade e a contorna, e sobre o Camiño de Santiago. 

Así do total de consultas recibidas 6.638 foron realizadas por turistas e 2.046 por peregrinos.  Do 22 ao 31 de xullo foi cando se rexistrou a maior afluencia de persoas a este punto de información turística con 3.564 consultas, unha cifra que duplica a da semana do 8 ao 14 de xullo cando 1.569 persoas se achegaron até a Oficina de Turismo na praza de San Fernando. 

O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, manifesta que ““os datos son alentadores e permiten ver con certo optimismo o futuro”. Engade que “no número de turistas estamos en cifras semellantes ás do ano 2019, e en peregrinos hai un pequeno descenso motivado polos requisitos para poder tomar vos internacionais”. Destacaba coma as persoas que este verán están achegándose a Tui “quedan sorprendidos e asombrados pola fermosura da cidade, e valoran que Tui poida ser un punto neurálxico para coñecer a comarca, o Norte de Portugal e incluso as Rías”

O edil de Turismo destacaba coma estes días a visita ao Museo Diocesano, ou á Mostra de Traxes Tradicionais no cárcere vello, son un atractivo máis para os visitantes que se achegan á cidade. 

A Oficina Municipal de Turismo de Tui está situada na praza de San Fernando, a carón da Catedral. Abre de luns a domingo de 9.30  a 14 h e de 16 a 19 h, e se pode contactar coa mesma a través do teléfono 677 41 84 05.