Máis de 4 mil persoas pasaron no mes de xuño pola Oficina Municipal de Turismo
Foron 2.081 peregrinos e 1.986 turistas os que demandaron información neste servizo
A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu durante o pasado mes de xullo a 4.067 persoas que se achegaron até este punto demando información turística do municipio, e da zona, así coma sobre o Camiño Portugués.
Entre a primeira e a cuarta semana de xuño case se duplicou o número de persoas que acudiron á Oficina Municipal pasando de 809 ( 560 peregrinos e 249 turistas) a 1.518 (612 peregrinos e 906 turistas).
O concelleiro de Turismo, Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, valoraba moi positivamente estes datos que reflicten a reactivación que se está a producir no sector turístico da cidade, así coma no propio Camiño de Santiago, o que redunda amais positivamente na economía local. Os datos do mes de xuño, aínda que inferiores ao mesmo mes dos anos anteriores á pandemia, permiten mirar con optimismo a este verán no que ao turismo se refire.
A Oficina de Turismo, situada na praza de San Fernando, abre de luns a domingo de 9.30 a 14 h e de 16 a 19 h. O seu teléfono de contacto é o 677 41 84 05. Está presente tamén en Instagram.