Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 2.900 peregrinos elixiron Tui para comezar o Camiño de Santiago en outubro

9/11/2022

Tui confírmase coma referencia no Camiño Portugués e xa é a cuarta cidade en número de camiñantes que inician o percorrido cara Santiago

Outubro pechouse con grandes cifras de peregrinos que escolleron Tui como punto de partida para realizar o Camiño de Santiago no seu itinerario portugués. 2.906 foron os peregrinos e peregrinas que se achegaron ata a cidade para comezar este percorrido santo, confirmando a Tui como a cuarta cidade de inicio de peregrinación tras Sarria (14.497), Saint Jean Pied de Port (5.682) e Porto (4.612).

Así, na nosa cidade, iniciaron o Camiño o 27% dos peregrinos do mes de outubro no Camiño Portugués. Si sumamos os que comezaron na cidade irmá de Valença, 1.725 peregrinos (o 16% do total), comprobamos que na nosa Eurocidade iniciaron o percorrido 4.631 persoas, un número similar de peregrinos dos que partiron da cidade de Porto.

Estas cifras evidencian como o Camiño Portugués, no seu itinerario histórico, acolle ao principal continxente de peregrinos logo do Camiño Francés. Este pasado mes, os camiñantes foron, na súa maioría, de procedencia estranxeira fronte aos meses de verán, no que recibimos peregrinos e peregrinas de orixe maioritariamente nacional. Todos eles valoran, deste xeito, a historicidade como un dos principais valores da nosa ruta xacobea.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estima que a continuidade da alta afluencia de peregrinos no mes de outubro é unha excelente noticia para a nosa cidade ao contribuír ao seu posicionamento cultural e turístico e a súa positiva repercusión no sector turístico consolidando a desestacionalización deste mercado. Asemade, quixo insistir en que estes datos son unha chamada a todos os axentes implicados na xestión do Camiño para responder cunha mellora continua da calidade dos servizos ao peregrino e destacou a aposta por consolidar esta tendencia de visitantes e promover a hospitalidade de Tui coma referencia no Camiño Portugués.