Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 200 nenos e nenas participarán nos campamentos urbanos e deportivos de verán de Tui

14/06/2013

Xoves, 13 de xuño de 2013. Os campamentos urbanos e deportivos de verán 2013 que organiza a Concellería de Deportes de Tui durante o mes de xullo e a primeira quincena de agosto, contarán con máis de 200 nenos e nenas.

 

Dende o día 3 ata o 11 de xuño fixéronse as inscricións para estes campamentos, tendo 127 solicitudes para a primeira quincena, 138 solicitudes para a segunda e 83 para a terceira quincena, o que fai un total de 348 prazas solicitadas.

 

Dado que o número de prazas é superior ás solicitudes, todos os nenos e nenas quedan admitidos nas quendas solicitadas, á espera de facer o ingreso do importe de cada quenda, que poderá realizarse unicamente na tesourería do Concello de Tui, ata o día 20 de xuño. Aqueles que non fixeran nesta data o ingreso dos 30,56€/quenda, serán dados de baixa e non poderán asistir ao campamento.

 

Para o Concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o aumento dos participantes nestes campamentos é indicativo do bo traballo realizado o pasado ano, e seguirase traballando para ofrecer unha alternativa aos pais e nais tudenses que traballan durante o período estival, para que poidan conciliar deste xeito a vida familiar e laboral.

 

Para o Concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, os campamentos urbanos e deportivos de verán son unha oportunidade para crear espazos de convivencia e socialización para os nenos e nenas de Tui. Nas actividades previstas pretendese o fomento de hábitos de vida saudables, a educación en valores, o respecto a un mesmo e aos demais así como ao noso entorno, artellados en torno á practica deportiva e de xogos.

 

Os listados de inscricións en cada unha das quendas pódense consultar no Concello de Tui ou na web www.concellotui.org.