Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 130 persoas participan no programa Cultiva a Mente en nove parroquias tudenses

9/05/2023

Un total de 134 persoas participan no proxecto Cultiva a Mente, impulsado polo Concello de Tui en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), en nove parroquias tudenses.

O principal obxectivo desta iniciativa é previr o deterioro neurodexenerativo e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo, emocional, físico, funcional e social, promovendo un envellecemento activo. Actualmente, o 83% das participantes son mulleres e a idade media dos usuarios e usuarias é 76,5 anos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, reuníronse co presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, que lles presentou o informe do balance deste programa dende o seu comezo, no ano 2019.

O programa púxose en marcha en 2019 en cinco parroquias: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns, con 75 persoas usuarias do mesmo. A boa acollida e a demanda rexistrada levou a ampliar o programa até chegar este ano a nove parroquias: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Rebordáns, Randufe, Ribadelouro, Pexegueiro e Malvas, onde participan 132 persoas en total. O servizo está a ser moi demandado, de feito na actualidade, hai unha lista de agarda de 35 persoas.

Por parroquias, en Areas hai seis persoas en lista de agarda; en Caldelas e en Pazos de Reis son dúas; Malvas, Rebordáns e Pexegueiro teñen a unha persoa na lista; e Randufe e Ribadelouro son as parroquias cunha maior lista de agarda con sete persoas (no caso de Randufe, oito usuarios asisten a outras parroquias mentres non conseguen praza na súa). No caso de Guillarei, non quedou ningunha persoa fóra do programa e teñen as 16 prazas dispoñibles cubertas.

Dende o primeiro ano, continúan no programa 42 persoas (o 56% do total) e o motivo máis habitual das baixas é o deterioro de saúde, seguido de falecementos ou incompatibilidade de horarios e asuntos persoais.

Cultiva a Mente organiza ademais dúas actividades interxeracionais este curso 2022/2023. A primeira é o proxecto “Xeracións Activas #ODS2030” co CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, no que participan as parroquias de Areas e Pazos de Reis. O segundo é “Unha historia de amizade” co CEIP de Guillarei, no que participanos usuarios do programa desta parroquia.

Asemade, a inversión total do programa ascende aos 83.927,39€ en total nestes catro anos. 

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destaca o éxito deste programa tanto polo incremento no número de usuarios rexistrado dende o primeiro, coma na valoración media que acada 9,02 puntos sobre 10.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta a aposta realizada polo Concello de Tui con este programa “Cultiva a mente” por descentralizar o servizo e achegalo ás persoas das distintas parroquias.