Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Literatura, teatro e música na XXII Feira do Libro Galego de Tui para conmemorar o Día das Letras Galegas este venres

14/05/2019

Haberá 20 postos de libros, exposición de maios e paneis informativos sobre a vida de Antón Fraguas

Na mañá de hoxe presentouse no Concello de Tui a XXII Feira do Libro Galego que se vai celebrar este venres, 17 de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Antón Fraguas.

Haberá 20 postos de libros no Paseo da Corredoira das librarías Espazo Lector Nobel e Iris, de 11.00h a 22.00h, que ofrecerán un 10% de desconto. Ademáis exporanse Maios e paneis informativos sobre a figura do historiador e xeógrafo, Antón Fraguas, realizados polos centros educativos e asociacións culturais de Tui.

A escritora Iria Misa abrirá a feira ás 11.00h, dando paso a continuación ás actuacións musicais do grupo de pandereteiras As D´Abadía da Asociación cultural “A Insua” de Caldelas e continuarán a Coral Ponte das Febres(11.30h), o concerto familiar de Urdime con “Fantasía musical” (12.00h) e a Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” de Guillarei (13.00h).

Pola tarde, ás 16.00h haberá un obradoiro de marcapáxinas con En un Tris Tras. Ás 17.30h volve a música cunha actuación do grupo folclórico “O Mosteiro” de Pexegueiro. Unha hora despois, ás 18.30h Contacontos de Culturactiva con “Bandullo Azul: Flipa cos contos”, ás 19.30h teatro de rúa tamén de culturactiva con “Saaabor”. A programación rematará ás 20.30h coa actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui. Pola mañá a Radio Municipal de Tui fará un programa especial co gallo do Día das Letras Galegas e da Feira do Libro Galego.

Na presentación desta mañá destacou o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, a ampla oferta de actividades que engloba esta feira, que reúnen a tradición galega, coa música e a contemporaneidade do teatro na rúa. Pola súa parte, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, mostrábase satisfeito de contar en Tui con este evento xa consolidado que fomenta tanto a lectura como a lingua galega.  

En caso de choiva celebrarase o domingo 19 de maio.