Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Literatura, pintura, comedia e un roteiro propostas esta semana na programación do 8M

13/03/2023

Hoxe ás 16.30 h no Teatro Municipal haberá un encontro coa escritora Premio Nacional de Narrativa 2022, Marilar Aleixandre. Mañá unha acción artística e unha exposición renderán homenaxe ás mulleres pintoras

O Concello de Tui continúa coa programación conmemorativa do 8M, o Día Internacional das Mulleres. Esta semana son catro as actividades que centran este programa.

Esta tarde, ás 16.30 h, a cita será no Teatro Municipal de Tui co encontro previsto entorno ao libro “As malas mulleres”, coa propia escritora, Marilar Aleixandre, narradora, poeta e tradutora, e Premio Nacional de Narrativa 2022. Asistirá o alumnado de Bacharelato dos dous institutos tudenses nunha actividade aberta tamén á cidadanía en xeral.

Na programación desta semana realizarase tamén unha homenaxe ás “Mulleres Pintoras” . Será mañá martes, 14 de marzo, ás 18.00 h no Paseo da Corredoira. Consistirá na posta en escena da peza artística “Subterránea” de Mónica Sueiro. Trátase dunha acción escénica que reivindica e visibiliza a figura de moitas artistas que foron silenciadas ao longo da historia. É unha metáfora das mulleres que collen forzas para reafirmarse, que non renuncian a si mesmas e pelexan por saír á luz.

A continuación, na Oficina de Turismo inaugurarase a exposición pictórica da Asociación de pintura Tyde na que Alicia Martínez, Alicia Rodríguez, Conchi González, Emilia González, Isa de Haro, Fina Saa, Loli González, Mª del Carmen Baquero, María Fernández, María Garrido, María José Rodríguez, Pilar Pereira, Teresa Ruano, e Susi Eguia presentarán obras de Berthe Morisot, Frida Kahlo, María Victoria de la Fuente, Margaret Keane, Maruja Mallo, Menchu Lamas, Pilar Moutaner, Shamsia Hassani, Tamara Lenpika,Tarlisa do Amaral,  Vanessa Lodeiro, e Yayoi Kusama.

Este xoves, 16 de marzo, a cita será co humor e a comedia. Da man da Deputación de Pontevedra, o Teatro Municipal de Tui acollerá o espectáculo “Cómicas, habelas hainas!”, a cargo de Marta Doviro, Jazmín Abuín e Arantxa Treus, coa presentación de Bárbara Grandío. Será ás 20.30 h con entrada gratuíta até completar aforo.

Xa o domingo, día 19, celebrarase o roteiro “Camiñando con elas”, que tivo que ser adiado por mor da previsión de choiva da pasada fin de semana. Será un percorrido dunha hora polo conxunto histórico que partirá ás 11.00 h dende a rúa Rosa Bahamonde. Coñecerase a historia e a vida de dez mulleres tudenses: Antonia Saravia, Cándida Rodríguez, Clara Torres, Conchiña Concheiro, Evagelina Jaso, Josefa Correa, Mª Suárez Sarmiento, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca, e Rosa Bahamonde. Para participar é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.