Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Leilía presenta en Tui o seu novo traballo “ConSentimento”

17/10/2012

Será o venres ás 21.30h no Teatro Municipal.

É unha homenaxe ao papel da muller na transmisión da tradición oral galega

 

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 19 de outubro, ás 21.30h un concerto de Leilía presentando o seu novo traballo “ConSentimento”. As entradas está xa á venda na web www.culturatui.info ata o venres ás 13h, ou se poden mercar no despacho de billetes o venres dende ás 20h ao prezo de 5€ e 3€.

 

Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario formaron a finais de 1989  esta agrupación para dar a coñecer a música tradicional de Galicia ao son de pandeiretas e voces.

 

Agora presentan o seu quinto traballo discográfico titulado “ConSentimento” co que reivindican e homenaxean o papel da muller na tradición oral galega.  Ese agradecemento personifícano na figura de Eva Castiñeira, cantadora e pandereteira.

 

“ConSentimento” é un disco con vocación acústica no que a guitarra, o acordeón, o contrabaixo e a gaita foron mesturados polo produtor musical Xoán Porto con outros instrumentos máis tradicionais, abrigando á perfección o canto tradicional. As Leilía poñen voz neste traballo aos versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre. Así como a composicións feitas a partir de coplas populares, agás dous temas para os que Leilía adaptou e creou as letras. Elas, ao igual que as mulleres ás que renden homenaxe, tamén son creadoras e intérpretes, recolledoras e transmisoras da tradición viva que reinventan para este tempo.  O deseño do espectáculo corre por conta de  Quico Cadaval.

 

Máis información en www.culturatui.info ou en http://leilia.net/

 

 

Leilía en concerto presentando “ConSentimento”

Data: Venres 19 de outubro ás 21.30h

Lugar: Teatro Municipal

Entradas: á venda na web www.culturatui.info ata o venres ás 13, ou despacho de billetes o venres dende ás 20h ao prezo de 5€ e 3€.