Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Lectura do manifesto e acción artística para conmemorar o Día Internacional das Mulleres en Tui

7/03/2023

Será mañá mércores ás 19.30 h no edificio da praza da Inmaculada coa xornalista Paula Montes e as artistas Ana Abad de Larriva e María Move que representarán “Muller auga”. Previamente ás 18 h haberá un concerto homenaxe a Amy Beach no Conservatorio

O Concello de Tui conmemora o 8M, o Día Internacional das Mulleres, cun acto institucional mañá ás 19:30 h no edificio da praza da Inmaculada. A xornalista tudense de Radio Vigo, Paula Montes, dará lectura ao manifesto.

Ademais, contarase coa acción artística “Muller auga” a cargo de Ana Abad de Larriva e María Move. Esta peza pon en valor a figura da muller reflexionando arredor de diferentes temas: a creación, o traballo, o coidado ou a conciliación. Achegando tamén a súa representación ao longo da historia. Contarase tamén coa participación da cantante e compositora galega, Su Garrido.

Previamente, ás 18:00 h, na sala de audicións do Conservatorio Profesional de Música de Tui, o alumnado deste centro ofrecerá o “Concerto do Día Internacional da Muller”, no que homenaxeará á compositora estadounidense Amy Beach.

Alumnos e alumnas de diversos cursos do Grao Elemental e Grao Profesional interpretarán obras desta compositora para piano, clarinete, trompa e violín. Unha música destacada polo seu marcado carácter romántico e a súa harmonía.  Amais o alumnado de 6º de Grao Profesional comezará as obras que se van interpretar neste concerto didáctico e monográfico.

Estas actividades forman parte da programación “Ocupemos o noso lugar” organizada polo Concello de Tui para conmemorar o 8M.