Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Juan Diego Ingelmo gaña, por segunda vez, o concurso do cartel anunciador das Festas de San Telmo

24/03/2022

As 22 obras presentadas exporanse a partir do luns na zona Anexo da Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez

O concurso de carteis convocado polo Concello de Tui para a elección da imaxe anunciadora das festas patronais de San Telmo 2022 contou coa participación de 22 carteis, unha elevada cifra de participantes pola que a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Sola, amosa a súa satisfacción.

Tras a deliberación do xurado a proposta gañadora foi a presentada polo deseñador Juan Diego Ingelmo Benavente, de Burriana – Castellón. O xurado valorou a calidade técnica e conceptual da proposta gañadora, o seu carácter orixinal e innovador, así coma o feito de recoller no deseño os valores e significado das festas, reflectindo o carácter festivo. A obra gañadora recibirá un premio de 700 euros.

Dende o vindeiro luns 28 de marzo poderá visitarse unha exposición na zona “Anexo” da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio “Francisco Sánchez” – Antiga Área Panorámica, rúa Colón, 2) na que os interesados poderán contemplar as 22 propostas enviadas para participar neste certame. A mostra permanecerá estará aberta ata o 9 de abril.