Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A inauguración dunha exposición e unha mesa redonda sobre Francisco Sánchez abren as Xornadas Europeas da Cultura Xudía en Tui

30/08/2022

Este xoves, 1 de setembro, dan inicio na cidade de Tui as actividades programadas para a celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía. En concreto, ás 20,00 horas no Anexo da sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) terá lugar a inauguración da exposición “As familias cripto-xudías, entre a diáspora e a asimilación: os Coronel” que realiza unha aproximación a este grupo familiar protagonista da vida social de Tui e a súa contorna nas últimas décadas do século XVI e primeiras do século XVII.  No decurso do acto o comisario desta exposición, o historiador tudense Suso Vila, realizará unha visita guiada a esta mostra.

De seguido terá lugar unha mesa redonda que abordará a figura do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez de quen se conmemorará o vindeiro ano, 2023, o IV centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse, onde foi profesor da súa Universidade e médico no Hospital de Santiago. Participarán nesta mesa redonda os historiadores Suso Vila e Rafael Sánchez xunto ao médico Rosendo Bugarín González que analizarán a figura e a transcendencia da traxectoria e obra do autor de “Quod nihil scitur”. Francisco Sánchez é un dos principais expoñentes do humanismo renacentista e un dos principais filósofos da historia de Galicia.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a celebración destas actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía pretenden valorizar o legado que esta cultura ten aportada á nosa cidade ao longo dos séculos e ao mesmo tempo contribuír ao posicionamento de Tui e a súa oferta patrimonial e turística. A integración, no ano 2019, da nosa cidade na Red de Juderías, engade o rexedor tudense, ten contribuído notablemente a proxección do patrimonio cultural tudense.

A temática elixida para celebrar en 2022 a Xornada Europea da Cultura Xudía en 35 países europeos foi RENACER, un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudía, como é no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Acceder a este patrimonio sempre é posible, non xa pola visitas preparadas para estas xornadas, senón que a “Ruta xudía” está sinalizada e a través de turismotui.mobi pódese seguir esta itinerario con xeolocalización e información complementaria á existente nos sinais.

PROGRAMA

Venres 2 de setembro

  • Inauguración da exposición “Diálogos” no Paiol de Marte de Valença 10,00 PT
  • Descubrimento placa de bronce Red de Juderías na fachada da Casa do Concello, 12,30
  • Visita á luz das candeas á historia xudía de Tui, 22,30 h. Inicio Oficina de Turismo.

Sábado 3 de setembro

  • Photocall da Red de Juderías na praza da rúa Ordóñez para concurso, con sorteo de agasallos
  • Confección dunha alfombra de flores dedicada ao Camiño de Santiago Portugués. Paseo da Corredoira, dende as 09,00 h. Organiza: Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas.
  • Visita guiada á colección de Sambenitos ás 12,00 h. Inicio Oficina de Turismo.

Domingo 4 de setembro

  • Photocall da Red de Juderías na praza da rúa Ordóñez para concurso, con sorteo de agasallos
  • Visita teatralizada  ao patrimonio xudeu de Tui ás 12,00 h. Inicio Oficina de Turismo.
  • Concerto de música sefardí con Helena Madeira. Praza do Pracer. 20.00 h. (en caso de choiva na igrexa de San Domingos).

Luns 5 de setembro

  • Conferencia de Elyjah Byrzdet (investigador, autor de varios libros de historia, xudaísmo e xenealoxía) "Lo que debes conocer de los judíos". Edificio Francisco Sánchez, 20,00 h.

Mércores 7 de setembro

  • Inauguración da exposición “Portas de Tui e Valença” de Rosa María Vila na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, 20,00 h.

Do 1 ao 11 de setembro: Xornadas gastronómicas sefardís: o bacallau