Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Identificadas 39 especies na Ruta Ornitolóxica pola beira do Miño este domingo

29/04/2024

Con este exitoso percorrido comezaron as Rutas de Natureza que organiza o Concello

Exitoso comezo esta fin de semana das Rutas de Natureza que promove o Concello de Tui, a través da concellería de Turismo, cunha Ruta Ornitolóxica pola beira do Miño, para a que se cubriron as 25 prazas ofertadas rapidamente. As persoas participantes de Tui, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra e Vigo  gozaron deste percorrido de introdución á ornitoloxía e interpretación do medio natural.

Cada persoa participante contou cuns prismáticos para poder observar as aves, así coma con telescopios terrestres que facilitaron a identificación de até 39 especies de aves. Milanos negros, cigoñas brancas, martín pescador, cernícalo vulgar, agateador europeo, avión común ou vencexo común, foron as máis destacadas ao longo do percorrido que partiu da praia da Mariña e chegou até preto da praia de Areeiros en Guillarei.

Dous guías de SEO BirdLife realizaron unha introdución ás aves da contorna do Miño e da vexetación de ribeira. Achegaron ás persoas participantes información sobre aspectos da súa bioloxía, e das ameazas que sofren tanto as aves coma os ecosistemas que ocupan, dedicaron amais un apartado específico ás especias exóticas invasoras facendo fincapé na ameaza que supoñen.

Ao longo do percorrido as persoas participantes puideron tanto observar as aves coma identificar o canto de boa parte delas.

As Rutas de Natureza continúan esta fin de semana con dobre proposta. O sábado celebrase a XX Andaina Solidaria Tudense organizada por Andatui, para a que mañá martes pecha o prazo de inscrición en andatui.es.

Mentres o domingo terá lugar o paseo en barco “Río Miño, patrimonio natural” que contará con dúas viaxes, ás 11 h e ás 12 h, que partirán do pantalán de pescadores. Ten un prezo de 6€ e a reserva debe realizarse en riominhoenbarco.com ou no 662 31 25 20.