Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Gran participación de público no mercado de nadal celebrado onte en Tui

9/12/2013

Luns, 9 de decembro de 2013. A segunda edición do “Mercado de Nadal” celebrado na cidade de Tui onte domingo, 8 de decembro, rexistrou unha grande afluencia de visitantes que se achegaron ata a Praza de San Fernando, no conxunto histórico tudense, dando continuidade ao éxito de participación xa acadado no pasado ano na primeira edición desta iniciativa do Concello de Tui

 

Un total de vinte postos para a venda de produtos relacionados co Nadal concorreron ofrecendo os seus produtos, duplicando o número de artesáns participantes en relación coa edición do pasado ano; tamén participaron seis establecementos de hostalería da zona monumental que ofreceron as súas especialidades aos asistentes.

 

A celebración deste “Mercado de Nadal” forma parte das actividades que promove o Concello de Tui para a revitalización do noso conxunto monumental, promovendo a súa dinamización social e comercial. Os responsables municipais contan seguir traballando en colaboración cos artesáns tudenses o hostaleiros da zona monumental para mellorar o contido deste mercado de Nadal, unha iniciativa pioneira do Concello tudense que quere reforzar e promocionar.

 

O Concello de Tui agradece a todos aos participantes a favorable acollida a esta iniciativa que por segundo ano consecutivo encheu as rúas da zona vella tudense de produtos navideños e que amosan a vitalidade dos artesáns tudenses que ofrecen unha ampla mostra de produtos.