Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Galitoon presenta este venres ás 20h no Teatro Municipal “Golulá”

12/12/2007

Galitoon presenta este venres ás 20h no Teatro Municipal  “Golulá”

Esta obra dirixida a nenos a partir de 5 anos recibiu o Premio ao Mellor espectáculo infantil en Cidade Rodrigo 

Mércores, 12 de decembro de 2007. Maxia e fantasía son dous elementos que dominan en “Golulá” o espectáculo de teatro infantil que este venres ás 20h porá en escena no Teatro Municipal de Tui a compañía de Teo “Galitoon”. A obra vai dirixida a nenos a partir de cinco anos  Sobre o escenario créase un mundo misterioso e marabilloso no que se fai un alegato á fantasía conseguida a través de diferentes técnicas, xunto ao ritmo e a musicalidade. 

Golulá é un país onde todo pode ser posible: a risa, o medo, a intriga, a amizade, a aventura, a loita cos nosos pecados capitais, as tentacións… Neste país todas as persoas son diferentes,e incluso falan en idiomas diferentes pero aínda así se entenden.  Golulá só tiña unha nube que gardaba un gorila grande chamado Bunkaa. O Malvado Doutor Terrier roubou un día a nube e todo cambia ata que Bunkaa e a súa amiga Lara emprenden unha viaxe para recuperar a nube e salvar Golulá.  

Galitoon Productions é unha compañía creada por Santiago Alonso, Andrea Bayer e Chisco Casteleiro, todos eles cunha gran experiencia no mundo do teatro e da televisión. Desde a súa formación traballan principalmente coa técnica dos muppets que mesturan con outras técnicas teatrais e no mundo audiovisual no que teñen feito colaboracións coa Televisión de Galicia. Acaban de rematar tamén a súa colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural representando un espectáculo de pequeno formato por varios concellos galegos nas Semanas do Libro e a Lectura promovidas por dito organismo. 

Con Golulá a compañía obtivo este ano o premio ao Mellor Espectáculo Infantil na X Feria de Teatro de Castilla y León que se celebra cada ano na vila salmantina de Ciudad Rodrigo. Ás entradas para “Golulá” poranse á venda o venres dende ás 16.30h ao prezo de 2,5€, 2€ con desconto para os posuidores do carné xove, carné máis, carné de estudante, ou certificado de familia numerosa, desempregado, discapacitado ou xubilado. 

Galitoon de Teo con “Golulá”Lugar: Teatro Municipal, r/Colón nº2 Tui

Data: Venres 14 de decembro ás 20.00h

Xénero: Teatro Infantil – Recomendada a partir de 5 anos

Duración: 55 minutos

Prezo: 2,5€ - 2€ con desconto – 1,5€ para os menores de 12 anosRetirada de localidades dende ás 16.30h

Organiza: Concellería de Cultura de Tui