Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As Festas de San Telmo contarán coas actuacións de cinco bandas de música popular

5/04/2023

A Banda de Música Popular de Tui actuará xunto á Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda de Música Cultural de Salceda. O luns de San Telmo haberá un dobre concerto da Banda de Música de Rubiós e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín.

A música é, sen dúbida, a gran protagonista destas Festas de San Telmo 2023.  Así o reflicte a cantidade de eventos musicais para todos os gustos e públicos que recolle a programación deste ano. Neste amplo abano de actuacións a música popular tamén terá un importante protagonismo nas xornadas festivas que Tui vivirá dende este sábado grazas ás actuacións de cincos bandas de música popular.

A Banda de Música Popular de Tui abrirá este ciclo de concertos das festas este domingo día 9 ás 12.30h na carpa instalada no Paseo da Corredoira para, ao longo dunha hora, interpretar boa parte do seu repertorio e pola tarde ás 18 h será a quenda da Banda de Música Municipal de Silleda. No mesmo escenario actuará o próximo domingo día 16, ás 12.45h, a Banda Cultural de Salceda de Caselas. Nesa mesma xornada, ás 18h da tarde, volverá a actuar a Banda de Música Popular de Tui na Corredoira.

Para o luns 17, Luns de San Telmo, quedarán as outras dúas actuacións que pecharán este ciclo de música popular. Ás 12.30h na carpa instalada no Paseo da Corredoira tocará a Banda de Música Popular de Rubiós, nas Neves. Posteriormente, ás 18h da tarde, a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín deleitará ao público asistente coas súas interpretacións para dar entrada ao treito final do día grande das Festas de San Telmo.