Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición “O Camiño Portugués, lembranzas de mar e de pedra” foi visitada por 650 persoas en decembro

9/01/2023

A mostra pode visitarse en Tui até o 28 deste mes de xaneiro

A exposición “O Camiño Portugués, lembranzas de mar e pedra” foi visitada por 650 persoas durante o mes de decembro.  A mostra, que foi inaugurada o 1 de decembro, na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui presenta 71 fotografíaas dos séculos XIX, XX e XXI, nas que se reflicten ás realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela e que ten en Tui a súa porta histórica de entrada en Galicia.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este número de visitantes significa unha media de case trinta persoas que acceden diariamente a contemplar esta magnífica exposición que combina fotografía histórica e a obra de novos valores da fotografía que realizan un achegamento ao territorio do Camiño Portugués.

A responsable da concellaría de Cultura anima a toda a veciñanza a achegarse a esta exposición onde Tui e as terras do Baixo Miño teñen un protagonismo especial nesta mostra, que recolle, entre outras, fotografías históricas tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. A eles súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra e dos pobos lindeiros da fronteira portuguesa, como as que nos achegan José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez. Pero as imaxes se conxungan con textos coma de Pérez Galdós e outros autores e que demostran “coma Tui é fonte de inspiración para escritores e fotógrafos” en palabras da comisaria da exposición Lucia Laín.

Lucía Laín é historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballou como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que comisariou máis de 12 exposicións.

A exposición pode visitarse na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez de luns a venres de 9 a 14 h e de 16 a 21 h e os sábados de 9 a 13 h até o 28 de xaneiro.