Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"Eurocidade Tui-Valença xuño activo" programa unha noite saudable de bailes Latins e unha marcha en bicicleta para esta fin de semana

21/06/2013

Estas accións forman parte do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)

Xoves, 20 de xuño.- A Eurocidade Tui-Valença prosegue o calendario de actividades para o programa “Xuño Activo”. Ás probas de valoración da condición física que se van a desenvolver hoxe e mañá, únense tamén unha noite saudable e unha marcha en bicicleta programadas para esta fin de semana.

Para esta tarde hai programada unha andaina de dinamización de parques saudables, que sairá ás 19.00h desde o Centro Interfederado de Tui . No que respecta ás probas de valoración da condición física, os técnicos licenciados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte estarán realizando as mesmas hoxe xoves 20 de 16.00 a 20.00h no Campo de Fútbol Álvarez Durán. Mañá venres 21 continuarán de 10.00 a 13.00h no Pavillón Deportivo Municipal vello e de 17.00 a 20.00h desprazaranse ata o Centro Cultural de Paramos.

Por outro lado, e logo do éxito de acollida da primeira noite saudable (centrada en “Zumba”), este sábado 22 de xuño o Pavillón Municipal novo acolle a segunda das noites saudables, nesta ocasión con aerobic e ritmos latinos. Será a partir das 20.00h, con entrada gratuíta para aqueles que queiran participar.

A Eurocidade Tui-Valença organiza para o domingo 23 unha actividade deportiva e recreativa denominada “Valença a pedalear en familia”, coa fin de sensibilizar sobre o uso da bicicleta e pasar un día en familia. O inicio está previsto para as 10.30h (hora española) e comezará no Centro de Interpretación da Ecopista de Valença e discorrerá nesa instalación ata a freguesía de Friestas. Este paseo cicloturístico é gratuíto e non precisa inscrición previa. A duración aproximada desta actividade é de 2h 30m.

Todas estas accións enmárcanse dentro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia e do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), en colaboración co Centro Deportivo DiSom Tui. O programa continúa a vindeira semana cunha charla coloquio sobre alimentación e actividade física, noite saudable de Pilates e dúas andainas.