Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença reúne máis de 1.000 deportistas

1/04/2014

A III Eurocidade BTT contou con 900 ciclistas e a 2ª andaina saudable 170 camiñantes

Martes, 1 de abril de 2014. O pasado domingo celebrouse a III Eurocidade BTT, proba deportiva de bicicleta de montaña, organizada pola Eurocidade Tui-Valença en colaboración coa Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, na que participaron máis de 900 ciclistas de Galicia e Portugal, con saída e chegada na piscina municipal de Valença.

Éxito de participación nesta terceira edición, pero fundamentalmente, éxito organizativo, xa que, a pesar das dificultades de controlar a 900 ciclistas, a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, xunto á inestimable axuda dos Bombeiros Voluntarios de Valença, Cruz Vermelha de Valença, Protección Civil de Tui e de Valença, Cruz Vermella de Vigo, GNR e Policía Local de Tui, aseguraron cada un dos cruces por onde pasaron os tres percorridos da proba, de 35, 45 e 65 quilómetros.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto aos concelleiros de deportes de Valença e Tui, José Monte e Nicolás Lorenzo, que participaron na proba deportiva, deron a benvida a tódolos participantes, e deron a saída minutos máis tarde das 09.30 horas. Tras os primeiros 12 quilómetros polo Municipio de Valença, e cruzar a Ponte Internacional, os ciclistas puideron gozar das incribles panorámicas na subida ao Monte Aloia, lanzarse polas famosas baixadas da marcha biciosa, e para os máis preparados, realizar a maratona de 65 quilómetros subindo ao Monte Faro. Ao remate da proba, tódolos participantes puideron tomar unha ducha quente na piscina, trala que máis de 400 animáronse a degustar o porco ao espeto tradicional desta marcha.

Dende a piscina municipal, ás 10.00 horas, tamén tivo lugar a saída da 2ª Andaina Saudable da Eurocidade, “A Volta do Matute”, na que 170 camiñantes cruzaron a Ponte Internacional Vella, percorrendo as parroquias de Areas e Randufe, dirixidos polos monitores de VerdeAzul. Dado que esta andaina era solidaria, recolleuse unha gran cantidade de alimentos, que foron entregados aos servizos sociais da Cámara de Valença.

A Eurocidade Tui-Valença felicita a tódolos integrantes da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, pola magnífica organización desta terceira edición da Eurocidade BTT, en especial a Eduardo Fernández e Alberto Castedo, con quen os técnicos municipais mantiveron numerosas reunións en pro da organización e seguridade da proba. Tamén agradecer a colaboración do Club Monte Faro, Mtb Aloia, Club Ciclista de la Fuente, Radio Municipal de Tui, VerdeAzul, Fundación Óscar Pereiro, Club Kayak Tudense, voluntarios do Club Remo Tui e Club Atletismo Tui, e o patrocinio de Coca Cola, Eurobanan, Maribérica, LusoPrint, BiciOcon, TramoLibre e TralaCosta.