Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença promociónase na Feira Internacional de Turismo de Lisboa

15/03/2014

Sábado, 15 de marzo de 2013. Os atractivos turísticos con que conta a Eurocidade Tui-Valença promociónase estes días en Lisboa no marco da BTL 2014 – Feira Internacional de Turismo. Deste xeito Tui e Valença continúan promocionandose de xeito conxunto para atraer  a un maior número de visitantes, como teñen feito xa hai unha semanas en FITUIR, ou o ano pasado tanto en Madrid coma en Lisboa, entre outras.  O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Méndez, actuaron onte á tarde coma embaixadores da Eurocidade dando a coñecer os conxuntos históricos a unha e outra beira do Miño, o seu importante patrimonio cultural, natural e paisaxístico, e facendo fincapé tamén na importancia da gastronomía, o comercio, ou o turismo activo.   A Fortaleza de Valença, o Conxunto Histórico de Tui presidido pola Catedral-Fortaleza, a ponte internacional inaugurada en 1886, o Parque Natural do Monte Aloia, a Ecopista valenciana, son só algúns dos atractivos destacados hoxe na capital portuguesa. Tamén se deron a coñecer as actividade conxuntas organizadas pola Eurocidade coma as Andainas Saudables ou as diversas probas deportivas previstas até finais de ano. Pero os mandatarios de Tui e Valença levaron tamén ata Lisboa a guía turística da Eurocidade editada recentemente.  A BTL-Feira Internacional de Turismo de Lisboa celebra dende o pasado mércores 12 de marzo e ata este domingo día 16 a súa 26ª edición baixo o lema “Turismo: A Indústria do Sorriso”. BTL 2014 desenvolvese na FIL (Parque das Nações), ocupando unha área de 30 mil metros cadrados en tres pavillóns e zona exterior. Danse cita nesta Feira Internacional de Turismo máis de mil empresas e entidades, das que un centenar acoden por primeira vez. A organización agarda este ano superar os 65 mil visitantes rexistrados en 2013.