Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença integrouse hoxe na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

28/01/2014

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, interviu esta mañá no X Plenario

Luns, 27 de xaneiro de 2014. Esta mañá celebrábase o X Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal no parador de Baiona. No acto formalizouse a entrada ao organismo da Eurocidade Tui-Valença xunto coa inclusión tamén da unión Chaves-Verín.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez,  interviña en representación das dúas localidades que conforman a Eurocidade, agradecendo a acollida neste organismo no que,  “confiamos que a experiencia do traballo conxunto que esta Comunidade de Traballo leva desenvolvido impulse o proxecto de cooperación emprendido recentemente polas cidade de Tui e Valença”.

A Eurocidade Tui-Valença, xurdida en febreiro de 2013, abrangue a 35 mil habitantes, nun novo concepto de cooperación de segunda xeración no ámbito europeo. Dúas cidades, que viven fronte a fronte que están  institucionalizando unha cooperación que xa é efectiva e real na vida diaria das dúas comunidades. 

Trátase este dun proxecto que xorde nun tempo de incerteza e crise e que ten levado aos responsables do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença a promover este proxecto de cooperación renunciando expresamente, en palabras de Moisés Rodriguez, á creación de novos organismo locais ou a contratación de novo persoal, para así “ impulsar o persoal e recursos de ambos municipios que realizan un meritorio traballo conxunto”.

Conscientes destas dinámicas, Valença e Tui, teñen potenciado as sinerxías entre as dúas cidades, ao nivel da promoción turística, da xestión compartida dos equipamentos públicos e na organización de eventos, nas mais diversas áreas.

Cidades históricas e turísticas, con monumentos de grande valor, como a Fortaleza de Valença e a Catedral de Tui, un rico e diversificado tecido comercial, a oferta de actividades deportivas e de lecer e boa oferta hoteleira e de restauración colocan ao turismo como unha das grandes apostas da Eurocidade. A presenza da  mesma na BTL, FITUR e Vigoferia, son exemplos da promoción conxunta dos dous territorios no exterior, cada vez mais efectiva e que destaca pola súa novidade.

Compartir  equipamentos e servizos é outra das grandes realidades que as dúas cidades queren institucionalizar. A Piscina Municipal de Valença, o Teatro Municipal de Tui, o Conservatorio de Música os Bombeiros Voluntários de Valença e os Servizos de Saúde son  algúns dos servizos e equipamentos con  utilización conxunta cuxos modelos de xestión compartida poden aportar grandes beneficios para as comunidades locais e mesmo rexionais.

Esta  xestión compartida do territorio é a grande meta de Tui e Valença coa institucionalización dunha Eurocidade nun modelo de cooperación que aspira a ser un  modelo de relación de segunda xeración que demostre  un novo modelo de cidadanía europea.