Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença comenza as probas de valoración da condición física no programa "Xuño activo"

12/06/2013

Profesionais da actividade física e do deporte estudan a flexibilidade, resistencia, forza, equilibrio e axilidade da poboación

 

Mércores, 12 de xuño de 2013. A Eurocidade Tui-Valença comezou o luns  a realizar as probas de valoración da condición física da poboación no denominado “Xuño Activo”. Enmarcado no Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia, en colaboración do centro deportivo DiSom Tui e dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), este programa ten como principal obxectivo analizar o estado físico da poboación coa fin de fomentar a actividade física e prescribir o exercicio físico recomendado para cada persoa. Na primeira xornada realizáronse un total de 41 valoracións.

 

As probas, realizadas por profesionais de ciencias da actividade física e o deporte, constan de cinco partes (flexibilidade, axilidade, equilibrio, forza e resistencia cardiorespiratoria) e están adaptadas á idade e condición física dos examinados.  Estas probas realizaranse desde onte e ata o vindeiro 21 de xuño tanto en Tui como en Valença. Os técnicos deportivos percorrerán diferentes parroquias tudenses e freguesías valencianas coa fin de facilitar o acceso da poboación á valoración da súa condición física.

 

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, sumáronse a esta iniciativa e realizaron as probas. Nicolás Lorenzo considera que esta é “unha boa oportunidade para saber en que condición física nos atopamos a través de valoracións gratuítas feitas por profesionais”. “Ser escollidos para este proxecto piloto é un premio a estes dous anos de traballo conxunto con Valença no ámbito do deporte, contando cunha ampla participación de probas deportivas accesibles para toda a poboación”, asegura. “Tanto as entidades públicas, como as privadas ou os clubs deportivos debemos axuntar esforzos para concienciar á cidadanía da necesidade de implantar hábitos saudables para mellorar en calidade de vida”, engade.

 

 “Xuño Activo” conta con diferentes accións encamiñadas a fomentar os hábitos de vida saudables entre a poboación. O programa conta con conferencias, andainas de dinamización de parques saudables e noites saudables, entre outras actividades. Estas accións forman parte dun proxecto piloto ligado ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) no Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.

 

Estas son as actividades que se realizarán esta semana:

 

Mércores 12 de xuño: De 10.00 a 13.00h, probas de valoración da condición física en Valença. Ás 19.00h, andaina de dinamización de parques saudables, con saída do Parking do Centro Interfederado de Tui.

 

Xoves 13 de xuño: De 10.00 a 13.00h, probas de valoración da condición física no Pavillón Deportivo Municipal Vello de Tui.

 

Venres 14 de xuño: De 10.00 a 13.00h, probas de valoración da condición física no Pavillón Deportivo Municipal Vello de Tui. De 16.00 a 20.00h, probas de valoración da condición física no Pavillón IES San Paio.

 

Sábado 15 de xuño: Ás 19.00h, noites saudables “Zumba” no Pavillón Deportivo Municipal Novo de Tui.

 

Xuño activo