Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença asistiu á constitución da Eurocidade Chaves-Verín como Axencia Europea de Cooperación Territorial

15/04/2014

Tui-Valença traballan tamén na súa constitución como AECT

Martes, 15 de abril de 2014. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, asistiron onte na Eurocidade Chaves-Verín á constitución desta entidade transfronteiriza en Axencia Europea de Cooperación Territorial (AECT). O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

A constitución coma Axencia Europea de Cooperación Territorial dota á Eurocidade Chaves-Verín de personalidade xurídica propia que lles permitirá aproveitar os instrumentos da UE, incluído o financiamento, así coma contratar actuacións e servizos de interese para os dous socios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na súa intervención de onte destacou que tanto a Eurocidade Chaves-Verín, como a  Eurocidade Tui-Valença, se revelaron como “unha ferramenta de enorme utilidade”, non só para optimizar e aumentar as vías de cooperación existentes, senón tamén para facerlle fronte con maior eficacia aos novos desafíos derivados da crise económica.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explica coma arestora a Eurocidade Tui-Valença está traballando tamén para poder constituírse coma Axencia Europea de Cooperación Territorial, que lles permitirá ter unha entidade propia e poder así, entre outras cuestións, optar aos fondos europeos do plan 2014/2020 para o traballo conxunto que realizan.