Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"Eu tamén son fonte" exposición sobre a lactancia materna do 2 ao 27 de febreiro

30/01/2009

O VINDEIRO LUNS INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN "EU TAMEN SON FONTE" ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN "PINGA DOCE"

Será ás 17h no Anexo da Sala Municipal, e poderá visitarse até o 27 de febreiro

 

Venres, 30 de xaneiro de 2009. Dende o vindeiro luns, 2 de febreiro, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición creada arredor do libro de Teresa Moure "Eu tamén son fonte". Esta exposición está organizada pola asociación tudense de apoio á lactación materna "Pinga doce" coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.

 

Este libro e a exposición forman parte dun proxecto ambicioso arredor da difusión da lactación materna que nace da iniciativa da Federación Galega de Asociación de Apoio á Lactación Materna (Fadegalma), a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Editorial Galaxia.

 

Trátase dun conxunto de paneis en formato grande onde o espectador pode, ademais de asistir a unha singular experiencia estética, mergullarse na historia escrita por Teresa Moure. O público verase sorprendido por unha proposta chea de cor e de palabras, de gran forza cromática e mensaxe de amor.

 

A mostra complétase cuns trípticos informativos arredor da lactación materna así como con fermosos carteis que poden ser recollidos polo público asistente e que, sen dúbida, constitúen un agasallo engadido.

 

Para os colexios, elaboráronse unha serie de propostas didácticas que permitan ao profesorado e aos cativos e cativas traballar arredor da temática que plantexa o libro (o aleitamento como un dereito e como un agasallo e como un intre para a comunicación) antes, durante e despois da exposición.

 

O acto de inauguración terá lugar o vindeiro luns 2 de febreiro, ás 17,00 horas na zona Anexa da Sala Municipal de Exposición. Esta mostra estará aberta ao público ata o vindeiro día 27 de febreiro.

 

A Concellería de Cultura tudense, por medio do seu concelleiro Moisés Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción pola presenza desta exposición organizada por un colectivo social tudense e congratúlase que esta Sala Municipal de Exposicións e o propio Edificio "Área Panorámica" sexa un espazo vivo ao servizo dos cidadáns tudenses e das súas iniciativas.