Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este venres chega a Tui a compañía Butacazero co seu espectáculo ‘Papagena’

17/10/2022

Será ás 21.30 h no Teatro Municipal. As entradas son de balde e están dispoñibles en www.tui.gal

Este venres 21 de outubro, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui haberá cita de ópera contemporánea da man de Butacazero. A compañía representará o espectáculo ‘Papagena’, unha ópera electrónica a partir da figura de Papagena da Frauta Máxica de Mozart. A obra analiza e fai unha re-lectura dende unha mirada actual dese personaxe.

O compositor da ópera, Iago Hermo, quixo tamén basear a súa obra nun dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo. Así, unha soprano, Esperanza Mara; un barítono, Jacobo Rubianes Castelo; e un músico en escena, Iago Hermo; serán os piares desta peza, que está cantada en galego.

A sinopse está baseada na figura de Papageno, quen na peza clásica anda sempre á procura dunha “paxariña” que lle dea moitos fillos e fillas. Nesta re-lectura electrónica, Hermo explora non só as relacións tóxicas de parella senón tamén os clixés operísticos tradicionais, poñendo no centro da peza á personaxe de Papagena.

Cunha duración de 50 minutos, está recomendada para maiores de 12 anos. As entradas son gratuítas pero é necesaria a súa reserva en tui.gal até media hora antes do inicio da función.

Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais do Concello.