Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado celébrase a IV Travesía a Nado da Eurocidade

1/09/2014

 

O obxectivo deste ano é acadar o centenar de participantes.

 

Luns, 1 de setembro de 2014. Este sábado, 6 de setembro, celebrarase a IV Travesía a Nado da Eurocidade Tui-Valença organizada pola Eurocidade xunto ao Club de Actividades Acuáticas Alto-Baixo Miño. A saída será ás 16.30 hora española dende o Cais de Valença, debendo estar os participantes ás 15h no Centro Interfederado en Tui. Terán que completar os 900 metros que separan o Cais de Valença da Praia da Mariña en Tui. Poderase empregar aletas e traxe de neopreno. Esta mañá foi presentada a proba por parte do concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, o responsable do Club de Actividades Acuáticas Alto-Baixo Miño, Juan José España e o presidente da Asociación SOS Tomiño-Baixo Miño, José Quinteiro

 

A inscrición para participar nesta proba deportiva está aberta ata este mércores, 3 de setembro, ás 00h nos correos electrónicos deportes@concellotui.org e piscinavalenca@gmail.com . O boletín de inscrición e o regulamento pódese consultar na páxina web do Concello de Tui (http://ow.ly/AVVvw). Os participantes deberán aportar un quilo de alimentos que será doado a SOS Tomiño-Baixo Miño.

 

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, explicou que esta proba estase a consolidar no panorama deportivo da Eurocidade, sinalando que o obxectivo este ano é chegar ao centenar de participantes. Mentres o vereador de Desporto de Valença, José Monte, salientou coma esta foi a primeira proba que organizaron de xeito conxunto os dous municipios.

 

Juan José España, do Club de Actividades Acuáticas do Alto-Baixo Miño, explicaba que esta é a última proba de río no calendario de verán que serve amais de ponte para as actividades de inverno na piscina de Valença.  Nese senso salientaba a notoriedade que ten o río Miño coas distintas probas celebradas. Sobre a IV Travesía explicaba que é unha proba popular, na que se unirá deporte e ocio. Está aberta á participación a partir dos 12 anos. Na mesma primará a seguridade con distintas embarcacións de apoio ao longo do percorrido.

 

José Gómez, voluntario de SOS Tomiño-Baixo Miño agradeceu a Eurocidade a colaboración desta proba con esta asociación asistencia. Lembrou que na actualidade están axudando a 40 familias en Tui que suman 165 persoas e en total entre Tui e Tomiño prestan axuda a 80 familias que suman 300 persoas.