Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado celébrase a II Travesía a Nado da Eurocidade

11/09/2012

Este sábado, 15 de setembro, celébrase a II Travesía a Nado da Eurocidade organizada polo Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença.

 

Este evento deportivo foi presentado esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, os concelleiros de deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, de Valença, José Monte, e o presidente do Club de Actividades Acuáticas do Alto Minho-Baixo Miño, Juanjo España.

 

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, lembrou na súa intervención que o ano pasado se recuperou esta proba deportiva que se deixara de celebrar hai xa tempo, reunindo nesta primeira edición a un centenar de participantes, unha cifra que agardan igualar este sábado.  Engadía o edil que este travesía a nado é un bo xeito de finalizar o calendario de actividades deportivas realizadas este verán en Tui. Ao tempo puña de relevo que o traballo conxunto realizado dende Tui e Valença garante o éxito das iniciativas postas en marcha.

 

O vereador de Valença, José Monte, salientou como Valença e a Eurocidade se suman á tradición de probas vinculadas ao río que xa tiña Tui. Destacou amais como Valença ten apostado polo Miño con diversas intervencións como a limpeza das marxes ou coa creación e potenciación de espazos de lecer.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo o aceno na importancia de recuperar esta proba deportiva no Miño, ao tempo que salientou o traballo realizado de xeito conxunto con Valença. Desexaba Moisés Rodríguez que a travesía sexa un éxito, ao tempo que sinalaba que este evento non é so deportivo senón tamén turístico xa que o sábado será todo un espectáculo ver a cen nadadores no Miño.

 

Juanjo España, presidente do Club de Actividades Acuáticas do Alto Minho-Baixo Miño, explicaba que o percorrido estará balizado e contará con todas as medidas de seguridade e embarcacións de apoio.

 

A concentración dos participantes será ás 17.30 hora española na Praia da Mariña en Tui, dende onde serán trasladados en catamarán por Aquamiño ata o cais de Valença do Miño, lugar no que se dará a saída ás 18.30h. A distancia a percorrer será de 900 metros e os nadadores terán a corrente do río a favor o realizarse na pleamar. Poderase empregar traxe de neopreno e aletas.  É unha proba popular non competitiva na que se pode participar a partir dos 12 anos. Os menores de idade deben presentar autorización paterna ou dos titores.

 

A inscrición, que é gratuíta, debe facerse no correo piscinavalenca@gmail.com, ou o propio sábado na praia da Mariña. Os 50 primeiros que se anoten recibirán camiseta conmemorativa. Haberá trofeo para o participante máis novo e para o de máis idade.