Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este mércores inaugúrase a exposición de debuxos e pinturas de Cali en Tui

13/02/2023

Preto de oitenta obras deste artista poderán visitarse até o 18 de marzo na Sala Municipal

Este mércores, 15 de febreiro, inaugúrase a exposición de debuxos e pinturas de Hixino Castillo “Cali” na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio Francisco Sánchez – antiga Área Panorámica. Poderá visitarse até o 18 de marzo.

Hixinio Castillo, popularmente coñecido como “Cali”, leva sobre trinta e cinco anos vivindo en Tui onde desenvolveu a súa actividade profesional como docente no C.E.I.P. de Pazos de Reis durante varias décadas. Nesta mostra recolle unha escolma da súa extensa produción artística, tanto con obras de debuxo como de pintura ao óleo, salienta especialmente unha serie dedicada ao Entroido, con representacións pictóricas de varios Entroidos tradicionais das terras de Ourense, Lugo e Portugal.

“Cali” defínese como un autor autodidacta no que atinxe ao debuxo, pois dende neno é unha das súas paixóns, aínda que apunta que “suspendín debuxo no instituto”. Dende hai vinte cinco anos leva aprendendo a pintar ao óleo, recibido e compartindo a formación con outros pintores e afeccionados.

Esta é a súa primeira gran exposición con cerca de oitenta obras. Anteriormente ten exposto na Sala “A Fábrica” de Allariz, en diversas agrupacións culturais de Ourense, así como varias mostras colectivas na Guarda e na zona do Baixo Miño.

Ten publicados debuxos seus no semanario “A Nosa Terra”, na revista literaria “Cuaderno del matemático” de Madrid e noutras publicacións periódicas. Para o CEIP de Pazos de Reis elaborou hai uns anos un libro sobre seres fantásticos, que foi editado por este centro escolar, que ten as súas aulas pintadas polo propio “Cali”.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta exposición vai resultar unha sorpresa para todos cantos se acheguen ata a Sala Municipal de Exposicións pois a obra artística de Hixinio Castillo “Cali” sorprende polo seu cromatismo, pola súa capacidade de imaxinación, e pola calidade do seu trazo no debuxo.

No acto de inauguración, este mércores 15 de febreiro, ás 19,30 horas contarse coa presenza do propio autor así como de Silvestre Gómez Xurxo, secretario do Consello da Cultura Galega, e durante moitos anos compañeiro de Hixinio Castillo no CEIP de Pazos de Reis.