Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este mércores conferencia A música no Padre Salvado no Seminario Menor de Tui

3/03/2014

Correrá a cargo da pianista tudense Andrea González

Luns, 3 de marzo de 2014. Este mércores, 5 de marzo, terá lugar a conferencia A música no Padre Salvado no Salón de Actos do Seminario Menor de Tui dentro da programación de actividades que o Concello de Tui está a desenvolver co gallo da conmemoración do bicentenario do nacemento do benedictino Rosendo Salvado.

A pianista tudense Andrea González será a encargada de dar a coñecer a faceta artística e musical do bispo Salvado nesta charla que terá lugar ás 20h. Esta é a segunda conferencia dentro do ciclo que ata o 5 de abril se vai desenvolver no Seminario Menor de Tui .

Andrea González,  iniciouse no mundo do piano aos 8 anos no Conservatorio de Tui e pronto comezou a participar e gañar concursos coma o Concurso de Piano Mestre Serrano del Palau de Valencia ou a Fondazione Wagneriana di Milano.

Co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Fundación Segundo Gil Dávila, Andrea obtivo o Título Superior de Música en España, o título de Xestión do Espectáculo na Academia de Teatro da Scala de Milán en Italia e na actualidade finaliza un Master de Perfeccionamiento no Conservatorio Giuseppe Verdi de Milán.

Ademais de profesora de piano é a presidenta da asociación Xuventudes Musicais de Tui e directora do festival IKFEM, que celebrará a súa segunda do 18 ao 26 de xullo na Eurociudade Tui-Valenca. A axenda deste ano levará a Andrea a salas prestixiosas coma o Milton Court Concert Hall de Londres ou o  Teatro Nacional de la Habana en Cuba onde impartirá unha masterclass e interpretará o segundo concerto de Rachmaninov con orquestra.

Precisamente Andrea González interpretou o pasado sábado, no acto institucional, tres pezas ao piano escritas por Rosendo Salvado.

 

Exposición Rosendo Salvado: o valedor do pobo aborixe

Por outra parte a Sala Municipal de Exposicións, na Área Panorámica de Tui, acolle ata o 30 de marzo a exposición  Rosendo Salvado: o valedor do pobo aborixe organizada polo Consello da Cultura Galega. Na mesma preséntanse vinte paneis con fotografías tomadas por Santos Salvado, irmán de Rosendo, e palabras aborixes,  xunto a outros unha colección de obxectos pertencentes ao Pai Salvado coma cartas, libros, cadros ou a súa cruz pectoral do Pai.