Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo celébrase a XII Feira do Libro con 24 postos de venda de libros

15/05/2009

Será inaugurada ás 12 polo escritor tudense Fernando Álvarez

Este domingo celébrase a XII Feira do Libro Galego

Haberá 24 postos de exposición e venda de libros e actividades de animación

 

Xoves, 14 de maio de 2009. O Paseo da Corredoira acollerá este domingo a XII Feira do Libro Galego organizada pola Concellería de Cultura de Tui coa colaboración das librarías Byblos, Iris e Valverde, co gallo do Día das Letras Galegas

 

A inauguración terá lugar ás 12 do mediodía a cargo do escritor tudense Fernando Álvarez autor das novelas "El glorioso bálano de Randufe" e "Asesinato de una mariposa".  Haberá 24 postos de exposición e venda de libros galegos a cargo das librarías colaboradoras, no que terán presenza destacada os escritos por Ramón Piñeiro, a quen este ano se lle dedica o 17 de maio. Haberá tamén un posto da Biblioteca Municipal informando sobre este servizo e outro da Radio Municipal que emitirá en directo pola mañá dende a Feira.

 

A longo do día desenvolverase un amplo programa de actividades de animación que comezarán pola mañá, trala inauguración cun recital de poesía de poemas a cargo da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño e outros escritores e poetas, e logo coa actuación do grupo folclórico "San Fins" de Rebordáns.

 

Pola tarde a actividade retomarase ás 18h coa actuación do grupo folclórico "Seixos Albos" de Areas. Amais de 18 a 20h Troula Animación fará xogos populares cos máis pequenos en seis carpas cada unha delas dirixidas por un monitor e dedicada a un xogo como xogatira, carreira de sacos, xogos con paracaídas, diábolo, e zanco, e cun monitor responsable. As actividades programadas rematarán ás 20h cos contos tradicionais a cargo de "Codia e Miolo".

 

A Feira do Libro Galego foi presentada esta mañá polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, Maruchi Valverde en representación das librarías participantes, e Jorge Álvarez, Presidente de ACITUI.

 

O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, felicitou nesta presentación tanto á Concellería de Cultura coma as librarías participantes xa que grazas a ela é posible levar a cabo este evento. Engadía que "esta é unha feira con carné de identidade propio froito do traballo ben feito". Salientaba por outra parte que "un libre sempre está ao alcance de calquera e sempre é o mellor amigo do home" engadindo que "é o mellor regalo que lle podemos facer aos fillos".

 

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, explicou que o orzamento da Feira este ano é un 20% inferior a 2008, acadando os 4 mil euros, apuntando que deste xeito se axusta aos orzamentos municipais que en breve serán levados a pleno. Tamén quixo resaltar que esta actividade non sería posible realizala sen a colaboración das librerías tudenses.

 

Maruchi Valverde, en representación das libreiras participantes, destacou que "a feira crece cada ano en calidade de libros e de xente" salientando que as librarías saen moi contentas desta experiencia. Con respecto a edición deste ano explicaba que "as editoriais envorcáronse coa Feira" enviando unha ampla variedade de libros de Ramón Piñeiro, novidades editoriais, e títulos para todas as idades.

 

Por último o Presidente de ACITUI, Jorge Álvarez, explicou que esta fin de semana volverá celebrarse en Tui, coincidindo coa Feira, a Ruta do Europincho, na que quince establecementos ofrecerán pinchos a un euro. Abondou na importancia de aunar esforzos para que os resultados saian potenciados.

 

XI Feira do Libro Galego

-          Domingo 17 de maio - Día das Letras Galegas

-          No Paseo da Corredoira

-          24 postos de exposición e venda de libros galegos das librarías Iris, Byblos e Valverde

-          Programación

o       Ás 12 inauguración a cargo de Fernando Álvarez, autor de "El glorioso bálano de Randufe" e "Asesinato de una mariposa"

o       Ás 12:15h recital de poesía a cargo de poetas tudense

o       Ás 12:30h  actuación do grupo folclórico San Fins de Rebordáns

o       Ás 18:00h  actuación do grupo folclórico Seixos Albos de Areas

o       De 18 a 20h Xogos populares para nenos con Troula Animación

o       Ás 20h Actuación de "Codia e Miolo" contos tradicionais para nenos

-          Organiza: Concellería de Cultura