Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo celébrase o 5º Campionato Internacional de Pesca a Flote de Salmónidos Trofeo Eurocidade

21/03/2012

Comezará ás 8 da mañá en augas do río Miño

 

Este domingo a partir das oito da mañá celébrase en augas do río Miño o 5º Campionato Internacional de Pesca a flote de salmónidos  Trofeo Eurocidade organizado pola Sociedade de Pesca Reo Miño, o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença.

 

A presentación do Campionato tivo lugar esta mañá no Centro Interfederado a cargo do vereador de Deportes de Valença, José Monte, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo Montes, xunto a Julio Areal e Iván Pérez, presidente e vicepresidente da Sociedade de Pesca Reo Miño respectivamente.

 

O programa comeza ás oito da mañá coa concentración das embarcacións e a súa tripulación no embarcadoiro do Centro Interfederado, onde se darán os dorsais, para comezar media despois a pesca. Ás dúas da tarde finaliza e competición e os participantes deberán entregar as captura no Club Náutico San Telmo para a súa pesaxe. Tras un xantar nas instalacións do Náutico ás cinco e media da tarde terá lugar a entrega de premios aos gañadores, facéndose a clasificación polo peso total das capturas por embarcación. Haberá tres premios aos equipos mellor clasificados, e un premio para o pescador que capture o exemplar de maior tamaño.

 

A inscrición para este campionato está aberta ata este venres, 23 de marzo, sendo o importe da inscrición por equipo de 60€, nos que se inclúe o xantar. Cada equipo estará formado por tres pescadores. A modalidade de pesca será o lanzado, e o cebo será exclusivamente cucharilla e rappala, e as medidas mínimas das capturas serán 55cm para o salmón, 30 cm para o reo e 19 cm para a troita común.

 

Na presentación desta mañá Julio Areal, presidente da Sociedade de Pesca Reo Miño, explicou que a falla de auga no río por mor da seca fai que non haxa boa pesca, pero que “o importante é disfrutar da paisaxe e do río Miño”. Daranse cita neste evento cincuenta pescadores tanto galegos coma portugueses, xa que sempre teñen participado pescadores lusos, precisamente con esa relación e unión entre os dunha e outra beira do Miño dicía que “tentan conseguir que se poida pescar como até o de agora”. Iván Pérez, vicepresidente da Sociedade de Pesca Reo Miño, explicaba o programa do campionato e agradecía a Tui e Valença a axuda prestada para a celebración da proba.

 

 

O vereador de Deportes de Valença, José Monte, manifestaba que hai que “ollar ao río Miño coas súas potencialidades turísticas e deportivas”, sinalando que nestas últimas entra a pesca deportiva. Manifestaba a súa ledicia porque o Miño sexa o punto de unión das dúas cidade e desexaba que o campionato sexa un éxito logo do gran esforzo feito pola organización.

 

Por último o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo Montes, lembrou que cando o ano pasado presentou a Travesía a Nado, anunciaba xa que ía apoiar todas as actividades que fosen a ter como marco o río Miño. Con respecto ao Campionato de Pesca dicía que é unha iniciativa interesante que leva xa cinco anos celebrándose e que “é momento de darlle un impulso e de que sexa todo un éxito”.  Agradeceu tamén a colaboración da Comandancia Naval do Miño para superar os escollos que atoparon na organización da proba.

 

Descarga díptico