Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo celébrase I Eurocidade BTT con 45 quilómetros de percorrido entre Valença e Tui

22/05/2012

Os organizadores agardan chegar aos 500 participantes

 

Este domingo, 27 de maio, celébrase a I Eurocidade BTT organizada pola Cámara Municipal de Valença, polo Concello de Tui e o Club Deportivo Biciosos.

 

 A proba foi presentada esta mañá polo presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o concelleiro tudense, Jose Ángel Villaverde, e o responsable do Club Biciosos, Eduardo Fernández.

 

A I Eurocidade BTT consta dun total de 45 km e trátase dunha proba non competitiva.  A saída será ás 9.30 hora española da zona deportiva de Valença do Miño, fará un percorrido polas murallas valencianas, atravesará o río Miño e irá pola beira do río ata o Porto Deportivo, a ponte romana e logo subirá por Ponte das Febres. Aos 18 kms haberá un primeiro avituallamento líquido comezando a subida cara o monte Aloia polos Muíños de Paredes e a Capela de San Fins. Xa no alto do Aloia haberá avituallamento tanto líquido coma sólido, e comezará o descenso de 11 kms por camiños e trialeiras, existindo unha rota alternativa por sendeiros para quen desexe un percorrido máis doado. Ás 12.30h está previsto que atravesen polo Paseo da Corredoira para dirixirse ao río Miño polo conxunto histórico e regresarán novamente ata Valença.

 

O concelleiro de Deportes tudense, Nicolás Lorenzo, explicaba que o obxectivo é pasar dos 500 participantes nesta I Eurocidade BTT, recoñecía que é un reto difícil pero que teñen moita ilusión no mesmo.  Engadía que a Eurocidade non pode quedar no papel e un exemplo diso son as distintas actividades deportivas que se están organizando de xeito conxunto. Nese senso apuntaba que “este é o camiño que hai que percorrer en todas as áreas”.

 

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, afirmou que esta I Eurocidade BTT vai ser un gran éxito porque involucra nunha mesma actividade a distintas administracións e asociacións. Avanzaba xa que a II Eurocidade BTT en 2013 sairá de Tui e subirá ao Monte Faro. Por último apuntaba que hai camiño definido de traballo cada vez máis en conxunto para promocionar a Eurocidade coma destino a visitar.

 

Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosouse tamén convencido do éxito que terá esta proba deportiva este próximo domingo que servirá para amosar o gran patrimonio que hai a unha e outra beira do Miño. Afirmaba o mandatario tudense que “o selo da Eurocidade nos fortalece”.

 

Eduardo Fernández, responsable da organización por parte do Club Biciosos, destacou o ilusionados que están coa organización desta actividade. Animaba aos amantes da bicicleta a participar e tamén ao público en xeral a presenciar a proba nos tramos urbanos coma a Corredoira, a Ponte Vella ou en Valença.

 

A inscrición está aberta ata este xoves, 24 de maio, na web www.biciosos.es. O prezo é de 3€, debendo aboar aqueles que non estean federados 12€ en concepto de licenza federativa. É obrigatorio o uso de casco. Os acompañantes poderán realizar unha ruta de sendeirismo ou ben pasear por Valença. Ao remate haberá un xantar de porco ao espeto cun prezo de 5€ por persoa.