Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo agárdase a miles de persoas na Cabalgata Internacional da Eurocidade Tui-Valença

3/01/2014

Este domingo agárdase a miles de persoas na Cabalgata Internacional da Eurocidade Tui-Valença

Os magos de Oriente sairán ás cinco dende Valença en magníficas carrozas. ÁS 19h chegarán ao céntrico Paseo da Corredoira en Tui

 

Venres, 3 de xaneiro de 2014. Todo está preparado para a celebración este domingo, 5 de xaneiro, da Cabalgata Internacional de Reis organizada polo Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença no ámbito da Eurocidade. Preto de 200 persoas participarán na comitiva dos Reis Magos que partirá ás 17 hora española dende o Albergue de San Teotonio en Valença do Miño.

 

Os Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tres magníficas carrozas xunto cos seus paxes, acompañados doutras catro carrozas das asociacións culturais de Baldráns, Guillarei, Malvas e Randufe, e da carroza da Cámara Municipal de Valença.   A parte musical corresponde á Rondalla do Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro.

 

A Cabalgata pasará pola Avenida dos Bombeiros, a rotonda da Trapicheira e a Avenida de España en Valença. Atravesará entorno ás 18h a vella Ponte Internacional e continuará pola Avenida de Portugal, as rúas Martínez Padín, Augusto González Besada e Paseo da Corredoira. Está previsto que ás 19h chegue ata o Cantón de Diómedes, onde Melchor, Gaspar e Baltasar darán lectura a súa mensaxe real e farán a súa ofrenda no Portal de Belén. A continuación recibirán a todos os nenos que desexen saudalos, ata ás 21h, agasallándoos con globos e caramelos.

 

Durante todo o percorrido e na Corredoira a comitiva real repartirá 1.350 quilos de caramelos aptos para celíacos.

 

Mentres agardan aos Reis Magos os cativos poderán disfrutar entre ás 18 e ás 20h da presenza de Mickey e Minie Mouse na Praza da Inmaculada.

 

O feito de que a véspera de Reis coincida en domingo fai agardar que miles de persoas se acheguen ata Tui para recibir aos Reis Magos.

 

A Concellería de Educación e Cultura do Concello de Tui xunto á Cámara Municipal de Valença organiza esta cabalgata na que colaboran a Policía Local, Protección Civil, a Garda Nacional Republicana, o Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, o grupo Scouts Alhoia, os Bombeiros Voluntarios de Valença, diferentes departamentos do Concello, e as asociacións culturais de Baldráns, Guillarei, Malvas, Randufe e Pexegueiro.            

 

Pola mañá visitarán aos maiores que viven nas Residencias Paz e Ben e San Telmo

Previamente pola mañá os Reis Magos visitarán as Residencias Paz y Bien (ás 10h) e San Telmo (ás 11.30h) acompañados pola Rondalla “O Mosteiro” do Centro Cultural de Pexegueiro.

                                                                                     

Cabalgata Internacional de Reis

Data: Domingo, 5 de xaneiro.

-      

Ás 17h saída dende Valença

-      

Ás 18h cruce da vella Ponte Internacional

-      

Ás 19h chegada ao Paseo da Corredoira en Tui