Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Estanse a acometer na rúa Martínez Padín obras para a conexión ao sistema de saneamento xeral do Louro

18/02/2014

Comezaron o pasado mes de setembro en Caldelas e contan cun orzamento cercano aos 632 mil euros incluíndo 13 conexións

Martes, 18 de febreiro de 2014. Onte luns comezaron a executarse na rúa Martínez Padín obras para realizar a conexión do saneamento desta rúa coa EDAR de Guillarei. Esta actuación forma parte do proxecto, redactado por Augas de Galicia en colaboración co Concello de Tui, que supón a realización de 13 novas conexións da rede de saneamento en en Caldelas, Baldráns, Paramos, Randufe, Rebordáns, Areas e a rúa Martínez Padín, ao sistema de saneamento xeral do Louro, vertendo así á EDAR de Guillarei. Destas conexións, que contan cun orzamento de 631.917,02 euros e un prazo de execución de 14 meses, benefícianse a 5.400 habitantes. As primeiras obras. comezaron o pasado mes de setembro en Caldelas. Na rúa Martínez Padín arestora debido ás obras está cortado un carril polo que o tráfico é regulado por semáforos.

No proxecto que se está a executar en todo o termo  municipal contémplanse, como se sinalaba, 13 conexións cunha lonxitude que oscila entre 50 e 300 metros, e tres bombeos con dúas bombas cada un, unha será en Rebordáns, cunha potencia de 1,7 kW; e dúas en Areas  no Atrio, con 1,8 kW de potencia;  e no Regueiro con 2,4 kw.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salienta que coa execución destas obras séguese avanzando no saneamento do municipio xestionado xa ao través do Consorcio de Augas do Louro que dende principios de ano se fixo cargo do ciclo integral da auga, é dicir tanto saneamento como abastecemento.  

Lembra o rexedor tudense que está xa aberta en Tui a oficina de atención ao público do Consorcio de Augas do Louro no número 10 da rúa Coruña, contando amais cun teléfono de información 24  horas  no 900 810 103.