Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A empresa tudense Utingal realiza en Tui pezas para as firmas aeronáuticas Airbus e Embraer

5/03/2014

O alcalde de Tui acompañou o luns ao conselleiro de Economía e Industria na súa visita á planta no Parque Empresarial de Areas

Mércores, 5 de marzo de 2014. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañou o luns  ao conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, na visita que realizou á empresa tudense Utingal ubicada no Parque Empresarial de Areas. Tamén estiveron presentes o director xeral do IGAPE, o xefe territorial de Economía e industria e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra entre outros.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou coma Utingal é unha empresa pioneira no sector da aeronáutica, agradecendo á Xunta de Galicia o seu apoio a empresas como estas. Afirmou o rexedor como dende Tui, tal e coma demostra esta empresa se pode traballar ao máximo nivel, con innovación, e xerando amais postos de traballo na localidade.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, explicou coma Utingal é un exemplo de como adaptarse ás novas realidades, xa que a empresa comezou no sector da automoción e se dedica agora ao sector aeronáutico. Indicaba Francisco Conde coma o sector  aeronáutico é un dos sectores de maior proxección en Galicia, engadindo que “é presente con máis de 450 empregos”. Tamén afirmou que hai que facer unha aposta pola formación, a certificación e a innovación.

Jesús González, presidente de Utingal, deu conta dos proxectos nos que traballan na actualidade para as empresas Embraer e Airbus.  En concreto en Tui se constrúen as portas do tren de aterraxe do A320, así coma os rudders do J170 e o mecanizado en pel das ás traseiras do J190 de Embraer. Amais en 2016 comezarán a produción de rudders e splits para Embraer tras rematar o proceso de desenvolvemento das pezas que están levando a cabo na actualidade. Os próximos obxectivos, explicaba Jesús González, son conseguir novos proxectos destas dúas firmas.  De ser así agardar poder continuar incrementando a plantilla que pasou de 21 traballadores en 2012 e 45 neste 2014.