Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A educación ambiental centro un curso de verán da Universidade de Vigo en Tui

13/06/2008

"COMUNICAR, EDUCAR E PARTICIPAR PARA A CONSERVACION AMBIENTAL" CURSO DE VERÁN DA UNIVERSIDADE DE VIGO EN TUI

A Universidade de Vigo dentro da súa programación de cursos de verán ten convocado un curso co título de "Comunicar, educar e participar para a conservación ambiental" que se desenvolverá na nosa cidade entre os días 7 de 11 do vindeiro mes de xullo. Este curso terá unha duración de 35 horas e será validado con dous créditos pola Universidade de Vigo. As sesións serán no Salón de Actos do Museo Municipal tudense, ubicado no antigo convento de San Domingos.

Os obxectivos deste curso de educación ambiental son, entre outros, identificar e recoñecer as posibilidades que o medio rural ofrece para a educación ambiental, proporcionar ferramentas para o deseño e desenvolvemento de programas e actividades de comunicación e educación ambiental ou aprender o uso de métodos participativos e como promover os cauces para a participación en cuestión ambientais.

As prazas ofertadas pola Universidade de Vigo son 40 e o prazo de matrícula remata o vindeiro 1 de xullo de 2008. Está prevista a participación como docentes de membros da administración pública (tanto da Consellería de Medio Ambiente como do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), profesores universitarios e representantes do sector privado.

A celebración deste curso de verán xorde dun acordo do Pleno da Corporación Municipal tudense e foi concretizado tras a visita da Vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María do Carme Cabeza Pereiro, no pasado mes de marzo. Tamén naquela xuntanza ficara establecido que este curso é un primeiro paso para en anos vindeiros incrementar a celebración destas accións formativas na nosa cidade.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, o desenvolvemento deste curso contribuirá a promover a posta en valor dos importantes recursos naturais que posúe o noso concello, centrados especialmente no Parque Natural do Monte Aloia e no río Miño, incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea. A celebración deste curso de verán supón tamén a posibilidade de que os mozos tudenses universitarios podan acceder máis doadamente a novos créditos que completen a súa formación académica. Finalmente a celebración deste curso favorecerá tamén ao sector servizos da nosa localidade.