Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Convocado o concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de San Telmo 2022

21/02/2022

Establécese un único premio dotado con 700€. Os traballos poden presentarse até o 18 de marzo ás 14.00 horas.

O Concello de Tui vén de convocar o concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de San Telmo 2022, que se van celebrar do 16 ao 25 de abril. Así foi aprobado pola Xunta de Goberno Local do pasado 11 de febreiro, recolléndose un extracto desta convocatoria e as súas bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do día de hoxe, luns 21 de febreiro.

A convocatoria está aberta a artistas plásticos, creadores ou persoas interesadas. Terán de prazo até o venres, 18 de marzo, ás 14 h, para presentar un máximo de tres obras orixinais e inéditas. Nas mesmas deberá figurar "FESTAS DE SAN TELMO, TUI, DE 16 a 25 DE ABRIL DE 2022. Festas declaradas de interese turístico galego”. Amais incluirá o escudo oficial da cidade de Tui, xunto ao nome da entidade, Excmo. Concello de Tui. Establecese un único premio de 700 € e diploma.

O xurado terá en conta na súa valoración que “o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e as festas de San Telmo” reflectindo os valores que se expresan para as Festas de San Telmo, centrados principalmente na devoción a San Telmo, a participación popular, a tradición secular, a accesibilidade universal á festa e á cultura, a igualdade e a proxección exterior da cidade”. Así nas bases do concurso recóllese que “estes obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo con marcada orientación publicitaria e artística e de promoción, tanto das festas anunciadas como da propia cidade de Tui”.

O carteis, cun tamaño de 50 x 70 centímetros, poderán realizarse en técnica e cores libres, pero deberase ter en conta que a impresión do gañador realizarase en cuatricromía.  O cartel presentarase baixo lema no Rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Pública Municipal. Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e impreso sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal. Con todos os carteis presentados a concurso e que cumpran o establecido nas bases do mesmo realizarase unha exposición.

As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal.

Bases Concurso cartel anunciador das Festas de San Telmo 2022