Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Convocado o concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de San Telmo 2020

7/02/2020

Establécese un único premio dotado con 700€. Os traballos poden enviarse até o 29 de febreiro

O Concello de Tui vén de convocar o concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de San Telmo 2020, que se van celebrar do 11 ao 20 de abril.

A convocatoria está aberta a artistas plásticos, creadores ou persoas interesadas que terán de prazo até o 29 deste mes de febreiro, ás 14 h, para presentar un máximo de tres obras orixinais e inéditas. Nas mesmas deberá figurar "FESTAS DE SAN TELMO , TUI, DE 11 A 20 DE ABRIL DE 2020. Festas declaradas de interese turístico galego”. Amais figurará o escudo oficial da cidade de Tui, xunto ao nome da entidade, Excmo. Concello de Tui.

O xurado terá en conta na súa valoración que “o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e as festas de San Telmo” reflectindo os valores que se expresan para as Festas de San Telmo, centrados principalmente na devoción a San Telmo, a participación popular, a tradición secular, a accesibilidade universal á festa e á cultura, a igualdade e a proxección exterior da cidade. Así nas bases do concurso recóllese que “estes obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo con marcada orientación publicitaria e artística e de promoción, tanto das festas anunciadas como da propia cidade de Tui”.

O carteis, cun tamaño de 50 x 70 centímetros, poderán realizarse en técnica e cores libres, pero deberase ter en conta que a impresión do gañador realizarase en cuatricromía.  O cartel presentarase baixo lema no Rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Pública Municipal. Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e impreso sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal.

Establecese un único premio de 700 € e diploma.

Con todos os carteis presentados a concurso e que cumpran o establecido nas bases do mesmo realizarase unha exposición.

As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal.

Consultar Bases