Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Contraproducións abre a programación no Teatro Municipal coa comedia “Entrega en man”

31/01/2024

Será este venres ás 21 h. As entradas están á venda en tui.gal

Comeza a programación deste 2024 no Teatro Municipal de Tui. Este venres ás 21 h Contraproducións representa a comedia “Entrega en man”, unha obra escrita por Martin McDonagh e adaptada e dirixida por Cándido Pazó. Un texto no que o real e o absurdo se atopan falando das cousas pero sen falar. O elenco está formado por Evaristo Calvo, Santi Romay, Diogo Sales e María Roja.

A acción transcorre na habitación dun hotel cutre nunha pequena cidade americana, Carmichael. Alí un estrafalario home ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron sendo adolescente. Unha parella, Toby e Marylin, tentan enganalo ofrecéndolle unha man, até que intervén o recepcionista do hotel, Mervyn.

En “Entrega en man” Pablo Giráldez “O Pastor” é o encargado da escenografía e o atrezzo, Martina Cambeiro do vestiario, Alfonso Castro da iluminación e Guillerme Fernández da música.

As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 20.50 h aos prezos de 10€ e 7,5€. Este é o primeiro dos seis espectáculos que forman parte da nova programación do Teatro Municipal nos meses de febreiro e marzo.

Este espectáculo é a terceira colaboración entre Focus e Contraproducións para ofrecer propostas escénicas atractivas, sólidas e amenas.

Logo de Tui a xira de “Entrega en man” continuará por Monforte, Vigo, Santiago e Vilagarcía nos próximos meses.

Entradas