Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Continúan as actividades programadas co gallo do 50 aniversario da Biblioteca Municipal

8/10/2020

O martes haberá contacontos para bebés e o xoves para rapaces e rapazadas de 6 a 12 anos

A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa desenvolvendo as actividades conmemorativas do seu 50 aniversario cun amplo programa que na vindeira semana comprende senllas actividades de animación á lectura dirixidas a dous sectores de público infantil e familiar.

O martes, 13 de outubro, ás 18 h terá lugar unha sesión de contacontos para bebés a cargo de “Pavís Pavós” que presentan o seu espectáculo “Contos para bebés”. Amais de tentar entreter aos máis pequenos esta sesión tamén ten como obxectivo ofrecer unha ferramenta para nais e pais arredor do fomento á lectura, así como aproveitar para recuperar e transmitir a nosa rica tradición oral.

Mentres, o xoves 15, ás 18 h terá lugar o espectáculo de animación a cargo do grupo Eduvía que presenta “Dadá o duende” con tres contos, nos que se traballan valores como a convivencia, o respecto polo medio ambiente, o amor polos animais, etc. Nesta actividade, os nenos/as e adultos poderán interactuar, cantar, bailar e coñecer a historia dunha nena africana que quería saber como era o mar. Esta animación está dirixida especialmente aos rapaces e rapazas entre 6 e 12 anos de idade. Esta actividade fora programada para o pasado mes de setembro, e tivo de ser adiada por circunstancias alleas á Biblioteca Municipal.

Por mor das actuais circunstancia derivadas da pandemia da Covid 19 é imprescindible realizar inscrición previa ben persoalmente na Biblioteca ou a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal 

Con estas novas propostas continua avanzando o programa de actividades deste 50 aniversario que na seguinte semana, do 20 ao 24 de outubro culminará cun amplo abano de propostas para todos os sectores sociais e segmentos de idade.