Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Contacontos para bebés este xoves na Biblioteca Municipal dentro das actividades de Nadal

30/12/2019

Será ás 17 h con Migallas Teatro e o espectáculo “Contos do chupete”

A Biblioteca Pública Municipal de Tui completa a súa oferta de actividades de Nadal este xoves, 2 de xaneiro, ás 17 h, cunha sesión de contacontos dirixida a bebés e nenos e nenas con idades entre 0 e 3 anos. Correrá a cargo de Migallas Teatro co titulo de “Os contos do chupete”.

“Os contos do chupete” é unha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Os cativos poderán chuchar contos, canción e arrolos ata encher a barriguiña nesta proposta para bebés na que gozar en familia.

A actividade parte de que Bea ten un problema. O seu lobo leva chupete… Cada vez que llo intentan quitar, chora. Pero chora moito… a quen se lle conte, un lobo con chupete! Está desconsolado. Contos, cantos e cancións serán a solución.

É unha sesión de contacontos na que participan tanto os cativos e cativas como os seus pais e nais, pois está orientada para toda a familia.

A Concellería de Cultura tudense con esta actividades promovida pola Biblioteca Municipal continúa desenvolvendo a súa aposta pola promoción e animación á lectura entre todos os segmentos de idade, neste caso para os usuarios máis cativos, para eles tamén hai sitio na Biblioteca Municipal.