Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A construción do novo centro de saúde de Tui segue a ser unha prioridade para a Xunta

18/02/2014

Así llo confirmou onte  o presidente galego ao alcalde de Tui no encontro que mantiveron

Martes, 18 de febreiro de 2014. A construción do novo centro de saúde de Tui segue a ser unha prioridade para a Xunta de Galicia. Así llo manifestou onte o titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, ao alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, no encontro que mantiveron durante máis dunha hora en San Caetano. O alcalde de Tui fixo un balance moi positivo deste encontro pola boa receptividade amosaba polo presidente da Xunta cara os problemas dos cidadáns, neste caso dos tudenses.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explica tras o encontro de onte que antes de finais de mes agardar recibir o proxecto definitivo do novo centro de saúde, cuxa execución suporá un investimento superior aos 4 millóns de euros, polo que será o Consello da Xunta que aprobe a obra. Alberto Núñez Feijoo transmitiu ao rexedor tudense que “está garantida a continuidade do investimento previsto” de tal xeito que agardan que o comezo das obras sexa unha realidade en breve.

Na reunión Moisés Rodríguez e Alberto Núñez Feijoo falaron tamén da tramitación do Plan Especial do Conxunto Histórico, un documento que destacaba o alcalde de Tui é fundamental para dotar de maior seguridade xurídica aos veciños da zona monumental. Nese senso explicaba que o Plan está xa presentado, terá que ser aprobado pola Xunta de Goberno Local e ratificalo polo goberno galego.  Nese senso o presidente galego estimou que “o segundo conxunto histórico de Galicia ten que ter unha delimitación clara  e sobre todo poder facilitar a rehabilitación de casas no seu ámbito”. Precisamente o alcalde explicou ao mandatario galego os traballos que están realizando dende a Área de Rehabilitación, e avanzoulle o plan de peonalización que teñen previsto pór en marcha.

Sobre a mesa estivo tamén a construción dun acceso directo dende a VAC Tui-A Guarda en Areas ao Parque Empresarial, tema que comentaron asemade co conselleiro de Infraestruturas. Este mellora con respecto ao plan inicial está confirmada, segundo hoxe lle manifestaron ao alcalde de Tui en Santiago.

Expuxo amais o rexedor tudense a necesidade de que a Xunta siga a investir na Catedral de Tui para conservar e rehabilitar a única catedral da provincia de Pontevedra. E concreto explicou que os temas prioritarios son arestora corrixir as humidades e filtracións existentes para evitar que danen o rico patrimonio que atesoura no seu interior o templo tudense. 

No encontro Moisés Rodríguez aproveitou para agradecer a Núñez Feijoo o apoio da Xunta á Eurocidade Tui-Valença, coa recente inclusión da entidade na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal,  e o impulso que dende o goberno galego se da ás zonas transfronterizas ao través de distintos proxectos.