Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A conectividade, a mellora das estradas e o deseño das infraestruturas viarias preocupan a Malvas e Randufe

4/07/2022

Asociacións e colectivos das parroquias de Malvas e Randufe expoñen ao equipo da Axenda Urbana de Tui as súas principais inquedanzas

As directivas das principais asociacións e colectivos das parroquias de Malvas e Randufe responderon á convocatoria do equipo da Axenda Urbana de Tui e mantiveron un produtivo encontro de traballo no que expuxeron as súas principais necesidades e aportaron proxectos de futuro.

As directivas das comunidades de montes das dúas parroquias, asociacións culturais e “Os Muiñeiros do Tripes” participaron na mesa de traballo que o equipo de Axenda Urbana está realizando con todas as parroquias de Tui.

Os representantes da parroquia de Malvas urxiron ás administracións o inmediato arranxo da estrada que os conecta con Tui e unha solución tecnolóxica óptima que lles permita conectarse á rede. O acceso a internet e o mal estado da estrada son as principais necesidades que dende hai anos leva reclamando esta parroquia. A falta de saneamento en Sambade engádese tamén ás principais reclamacións.

Pola súa banda, Randufe manifestou a súa preocupación polas novas infraestruturas viarias que fraccionan o territorio deixándoo desconectado sen contemplar, segundo os colectivos, pasos a pé que conecten os barrios. A modo de exemplo citaron o acceso ás Bornetas e a case imposibilidade de chegar a pé ao Outlet dun xeito seguro. Tamén recordaron que dende hai anos os fogares que se atopan nas inmediacións da autovía padecen unha intensa contaminación acústica e reclaman a protección solicitada dende hai tempo. 

A preocupación pola conservación e mantemento do patrimonio etnográfico e natural é unha das demandas das dúas parroquias que suxiren un plan de recuperación de camiños tradicionais acompañado dunha posta en valor do patrimonio etnográfico que contemple unha cobertura de mantemento.

A falla de transporte tamén foi un dos puntos de conversa amais da necesidade dunha relación coas distintas administracións máis áxil e sinxela.

A Axenda Urbana de Tui avanza no seu proceso de participación que recalará mañá martes día 5 nas parroquia de Areas e Pexegueiro.

Ademais, o equipo a Axenda Urbana convoca ás directivas das asociacións, colectivos e clubs de Tui a unha mesa de traballo este mércores 6 ás 20 horas no salón de plenos da Casa do Concello.

Co proceso de participación e a diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos.Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación,  técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e politicamente con Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir unha diagnose que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O alcalde Enrique Cabaleiro lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.