Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Concelleria de Cultura presenta a programación deste semestre, "complexo vitamínico cultural contra a crise"

20/07/2009

A Concellería de Cultura presenta un Complexo Vitamínico Cultural contra a crise

A programación do segundo semestre ten un orzamento de 100 mil, dos que 40  mil son aportados polo propio Concello

 

As cores chamativas caracterizan o deseño do nº18 da Axenda Cultural "Corredoira" que recolle a programación cultural para o segundo semestre do ano en Tui.  O deseño feito por Deideas emula un coñecido complexo vitamínico presentado así neste "envase" unha serie de "vitaminas culturais" en tempos de crise. 

 

O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez presentaron esta mañá esta programación, acompañados polo equipo do Departamento de Cultura e polos responsables de Deideas.

 

A programación presentada esta mañá ten un orzamento de 100 mil euros, dos que o Concello aporta 40 mil, sufrindo un recurte a partida orzamentaria do Departamento de Cultura, segundo explicou o rexedor tudense, Antonio Fernández Rocha, ao ser este "un ano difícil".

 

Pese a iso a programación non baixo o listón fixado en anteriores temporadas e a variedade e a calidade seguen a ser os seus eixos centrais. Trátase de propostas para todos os gustos e para todos os públicos, nos que se inclúe tamén unha aposta polos novos creadores tudenses. Este é o caso na programación do verán da proxección da curtametraxe "Sueño Cumplido" dirixida por David Fernanz que realiza a produción xunto a Gonzalo Font. Este obra protagonizada por mozos tudenses será estreada o 31 de xullo no Teatro Municipal. Do mesmo xeito Cultura aposta por exhibir novamente a obra da tudense Diana Gonçalves "Mulleres na raia", un documental que trala súa estrea en Play-Doc está a ter un longo percorrido. A proxección será o 7 de agosto na Praza de San Fernando. E dentro desta aposta na programación de outono o grupo tudense Phantom Club ofrecerá un concerto no Teatro Municipal o venres 20 de novembro acompañados de diversos artistas convidados.

 

Tal e coma explicaba o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, na programación de verán ofértanse quince espectáculos que van da música clásica, ao folk, o cine, ou citas clásicas coma o Festival de Bandas de Música.  Unha oferta que se pode consultar de xeito detallado na Axenda Cultural Corredoira da que se veñen de editar 15 mil exemplares. Deles 6 mil repartiranse nos fogares de Tui, e outros 6 mil nos fogares de Valença do Minho, buscando o reforzamento das relacións culturais entre ambos municipios.  A Axenda Corredoira tamén estará dispoñible en establecementos públicos, no Teatro Municipal, e na Oficina de Turismo de Tui  no Paseo da Corredoira.

 

Por outra parte Moisés Rodríguez salientou o importante apoio da Xunta de Galicia, manifestou que co novo de goberno "as cousas cambiaron para ben" amosándose optimista nas actividades que poden chegar a Tui co gallo do Xacobeo 2010. Tamén quixo explicitar o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra, que aposta pola programación tudense, do mesmo xeito que Caixanova con quen hai confirmada xa unha exposición importante, á que se poderían sumar dous novos espectáculos.

 

A programación do verán comezou con éxito cos dous concertos ofrecidos na cidade polo IV Festival Via Stellae aos que asistiron máis de 300 persoas os pasados 4 e 11 deste mes. Hoxe mesmo ao Teatro Municipal chega "Las Huellas de la Barraca" que ofrece a obra "Quien todo lo quiere" de Lope de Vega.

 

A próxima cita será o martes 21 ás 22.30h na Praza de San Fernando co XVI Encontro dos pobos, e o martes 28 ás 21h no Parque do Laxal en Rebordáns celébrase a X Noite Internacional do Miño. Haberá tamén cine neste verán, en concreto o 24 de xullo proxéctase Madagascar 2 e o 21 de agosto Kung Fu Panda. Amais o 31 de xullo estréase a curtametraxe Sueño Cumplido e o 7 de agosto poderase ver o documental "Mulleres na Raia". Por último o 14 de agosto terá lugar o XVIII Festival de Bandas de Música.

 

A Axenda Cultural Corredoira inclúe tamén a programación do V Ciclo de Concertos no Claustro Gótico da Catedral que se celebrará do 25 ao 29 de agosto, así coma as actividades previstas tanto na Sala de Exposicións Municipais coma na Biblioteca Pública.