Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Concelleria de Cultura consolidou a súa actividade ao longo do pasado ano 2008

13/01/2009

A Concellería de Cultura consolidou a súa actividade ao longo de 2008

O Teatro Municipal tivo 22.300 usuarios e a Biblioteca incorporou 300 novos socios

 

Martes, 13 de xaneiro de 2009.  A Concellería de Cultura de Tui vén de facer balance da súa actividade ao longo de 2008, destacando a consolidación da súa actividade nos distintos eidos.

 

O Teatro Municipal de Tui, que cumpriu 5 anos de actividade o 11 de abril, pechou 2008 cun total de 22.300 usuarios nas 85 actividades celebradas. Aquí salienta por unha parte as 30 funcións organizadas pola propia Concellería ao abeiro da súa programación, na que se logrou unha media de 240 espectadores de media. Compre salientar aquí a presenza consolidada do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego que elixiron Tui coma un dos dez espazos de exhibición de Galicia. O investimento total desta programación ascendeu a 41 mil, aos que suman os 50 mil investidos na mellora da infraestrutura técnica de iluminación do propio Teatro.

 

Por outra parte están as actividades celebradas neste espazo por outras asociacións e entidades do municipio coma Play-Doc, os Concertos do Conservatorio Municipal, ou o XV Aniversario da Radio Municipal de Tui.

 

A todo isto hai que engadir o éxito das actividades celebradas ao aire libre coma a Cabalgata de Reis, o Entroido, as Feiras de Artesanía e do Libro ou a programación do verán, nas que se volveu contar co apoio do público.

 

Estes resultados foron posibles grazas ao esforzo, vontade e ilusión dos traballadores deste departamento, que aportan o seu gran de area para que Tui poida contar cunha programación estable, continua e de calidade.

 

Por outra parte compre salientar a celebración ao longo de 2008 do Ano Xosé María Álvarez Blázquez que converteu a Tui en capital da cultura galega. Ao que se sumou a recuperación dos Cursos de Verán da Universidade de Vigo, a celebración por vez primeira da Xornada Europea da Cultura xudía e por segundo ano das Xornadas Europeas de Patrimonio, e a inauguración do Telecentro.

 

En canto á labor da Biblioteca Municipal cabe mencionar que chegou a finais de 2008 aos 30 mil usuarios, incorporou 300 novos socios e 1.800 novos libros.  Amais por terceiro ano consecutivo acadou un dos premios María Moliner do Ministerio de Cultura, e iniciouse a colaboración do Biblioteca de Valença.

 

Outros aspectos da destacar na actividade da Concellería de Cultura ao longo de 2008 son a celebración de máis de 20 exposicións na Sala Municipal, a apertura da sala de investigadores do Arquivo Municipal, e a realización de visitas guiadas ao conxunto histórico.

 

De cara a este ano 2009 os obxectivos da Concellería de Cultura son manter  as liñas de traballo levada a cabo até o momento, consolidando a aposta pola programación estable e de calidade. Precisamente a programación do primeiro semestre do ano está xa pechada e será presentada nas próximas semanas. Esta programación poderase consultar nunha nova páxina web propia da Concellería de Cultura que será unha das novidades deste ano xunto á venda de entradas ao través da mesma. A isto engádese ampliar a difusión desta programación cara Portugal.