Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A comparsa “Terra dos Mil Segredos” da Asociación Cultural O Borraliño gañadora do Entroido Tui

13/02/2024

Miles de persoas ateigaron as rúas novas da cidade

Miles de persoas ateigaron esta tarde as rúas novas de Tui para gozar coa creatividade, o corido, o humor, a imaxinación… das 12 comparsas participantes no Desfile-Concurso de Entroido en Tui.

 

A comparsa da Asociación Cultural “O Borraliño” de Soutelo de Salceda con “Terra dos mil segredos” foi a gañadora na categoría xeral e tamén en carrozas no desfile-concurso.  A catedral de Santiago, cunchas de peregrino, pementos de padrón, polbo, ou cervexa galega formaron parte da súa representación de Entroido.

 

Na categoría absoluta o segundo premio correspondeu á charanga Cantos Somos con “Cantos Somos…O Mercado Gourmet” cunha parodia do estado actual do mercado de abastos de Tui, na que non faltaron os distintos postos, as obras…

 

O terceiro premio correspondeu á Asociación Cultural de Mañufe de Gondomar con “Bauhaus, fantasía racional” cunha representación  da escola de arte e arquitectura Bauhaus fundada en 1919. Foron amais os gañadores do segundo premio en carrozas.

 

Mentres o cuarto premio correspondeu á Asociación Cultural de Pontellas con “A natureza e a súa maxia” que presentaron á raíña Titania e as tres Ondinas, fadas protectoras dos recursos naturais coa súa maxia.

 

En carrozas amais do primeiro premio para “Galicia é a terra dos mil segredos” e os segundo para “Bauhaus, fantasía racional”, o terceiro premio correspondeu á “Fantasía da Flor de Loto” da Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño que se inspirou na Flor de Loto e na cultura e tradición tailandesea. O cuarto premio en carrozas foi para Pop Art Andy da Asociacion Os da Casa de Vigo que representou o traballo e as obras de Andy Warhol.

 

O xurado optou por deixar deserto o premio na categoría de Fantasía. Outorgou amais un Premio especial para a Asociación Cultural de Pontellas coa comparsa “A natureza e a súa maxia” por favorecer a participación de persoas con discapacidade.

 

Tamén participaron a asociación cultural “Arume” de Malvas con “as Fochancas da Panorámica de Tui”; o grupo Scouts Aloia con “Case Nunca Máis”; a Asociación do Centro Cultural Parada do Miñor de Nigrán con “Os Camaleónicos”; a Asociación Cultural Comparsa Os Choqueiros de Redondela con “Os Choqueiros A Nosa Tribu”; a Asociación A Pandilla de Pontecaldelas con “La pandilla en Las Vegas”;  a Asociación Lembranzas da Terra de Guillarei redendo unha homenaxe ás forzas armadas.

 

Mentres o xurado deliberou amenizou a espera o grupo Unión y Fuerza. O Entroido despedirase o próximo domingo co Enterro do Bacallau que sairá ás 19.30 h da praza de San Fernando.

 

 

Premios Desfile-Concurso de Entroido

Categoría Absoluta

1º.- Terra dos mil segredos da Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo de Salceda de Caselas

2º.- Cantos Somos… O mercado gourmet da Charanga Cantos Somos de Tui

3º.- Bauhaus, Fantasía Racional da Asociación Cultural de Mañufe de Gondomar

4º A Natureza a súa maxia da Asociación Cultural de Pontellas do Porriño

 

Carrozas

1º.- Terra dos mil segredos da Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo de Salceda de Caselas

2º.- Bauhaus, Fantasía Racional da Asociación Cultural de Mañufe de Gondomar

3º.- Fantasía da Flor de Loto da Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño

4º.- Pop Art Andy da Asociacion Os da Casa de Vigo