Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Compañía Humana abre a programación de outono no Teatro Municipal de Tui este venres

4/10/2023

A revisión do mito clásico de Iphixenia será levado a escena por Alba Caneda

A Compañía Humana será este venres a encargada de abrir a programación de outono no Teatro Municipal. Ás 21.30 h terá lugar a representación de “Iphixenia na porta do súper”. O texto, premiado como mellor texto do 2015 nos UK Theatre Awards for Best New Play, chega por vez primeira a Galicia e en galego.

A obra está interpretada por Alba Caneda e dirixida por Sara Rey. Conta cunha duración de 75 minutos e vai dirixida a público a partir de 12 anos.

Iphixenia na porta do súper é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. É un monólogo que denuncia os recortes sociais, sobre todo na sanidade, e que fai un paralelismo entre o mito clásico de Iphixenia e unha moza de barrio actual. Iphixenia, unha nini de barrio, pasa os días nun bucle de alcohol e apatía rondando as rúas da súa vila. Unha noite coñece a un tío distinto dos demais e comeza a sentir unha sensación estraña, como de non estar soa. A partir de aquí, unha serie de circunstancias alleas levarán á protagonista a sufrir unha grande perda.

Se no mito clásico Iphixenia era sacrificada polo seu pai Agamenón para contentar aos deuses e proseguir coa guerra de Troia, nesta traxedia dos nosos días é a propia protagonista quen decide sacrificarse e converter o seu sufrimento en xenerosidade cara a sociedade que a marxina. Unha personalidade magnética, directa, que nos amosa sen filtros e con humor a humanidade que se esconde tralas colas na atención primaria, recorte de camas hospitalarias, ausencia de médicos…

As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 21.15 h aos prezos de 6€ e 4€.

Antela Cid e Fran Peleteiro, profesionais da escena con máis de vinte anos de experiencia, son os promotores da Compañía Humana, unha produtora de teatro de recente creación. As claves da compañía son os espectáculos de corte social dirixidos a público adulto e adolescente, con textos conectados coa nosa realidade e cos mellores talentos da interpretación.